O alcalde de Ourense defende o preacordo alcanzado co Adif para mellorar a ponte de Tarascón
O que pretende este goberno é lograr solucións a dous problemas de seguridade dos que todos temos coñecemento.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, defende o preacordo alcanzado co Adif para mellorar a ponte de Tarascón e o paso de Ramón Puga, “porque está pensado para beneficiar aos veciños e veciñas que o levan demandando desde hai anos”. Por este motivo, o rexedor non entende as críticas arroutadas dos grupos da oposición, “cando tiñan que estar arrimando o ombro, ao carón dos veciños e veciñas, para que estas obras puidesen estar en marcha canto antes” Jesus Vázquez resalta que “o que temos que facer é traballar a prol dos intereses da veciñanza e deixar atrás os atrancos ou as guerras políticas ao que é unha necesidade. O que pretende este goberno é lograr solucións a dous problemas de seguridade dos que todos temos coñecemento”. Por este motivo, o alcalde de Ourense pídelles aos grupos da oposición que, por unha vez, se sitúan ao carón da veciñanza e defendan o que é unha demanda que se prolonga dese hai anos. Ante as críticas dos grupos da oposición, máis preocupados por conseguir arañar algún titular que en pensar no que precisan os veciños e veciñas, o rexedor ourensán lembra que noutros municipios de España ou incluso da provincia de Ourense, como son O Barco de Valdeorras ou A Rúa, “realizáronse obras similares sufragadas tanto polo Adif como polos respectivos concellos. E ninguén tratou de atrancar o seu avance, porque era beneficioso e unha demanda da cidadanía”.