Ourense Cidade

OUeC apremia ao goberno a concorrer ás subvencións para impulsar o cooperativismo

Sinalan “cegueira” no concelleiro de Promoción Económica, que “renuncia presen-tarse ás axudas nunha cidade castigada polo paro".

ondacero.es

Ourense | 15.02.2019 12:21 (Publicado 15.02.2019 12:19)

Martiño X. Vazquez de Ourense en Común
Martiño X. Vazquez de Ourense en Común | Ourense en Común

Ourense en Común apela ao goberno de Jesús Vázquez a concorrer ás axudas da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e así o trasladaba na Xunta de área de Promoción económica celebrada o pasado martes.

O grupo interpelaba ao responsable desta área, Jorge Pumar, sobre as intencións do goberno coa convocatoria da Consellería de Economía, Emprego e Industria publicada no DOG a pasada semana, coa que o Concello optaría a cubrir ata 100.000 euros para cursos e obradoiros, formación especializada de persoal para o asesoramento e acompañamento de proxectos, organización de conferencias, feiras, mostras, congresos, e xornadas de difusión, ou mesmo deseñar un plan estratéxico de carácter plurianual para o desenvolvemento da economía social no concello de Ourense.

Máis de vinte días antes de finalizar o prazo para solicitar as axudas -finaliza o 7 de marzo-, Pumar xa desbota presentar ao concello á subvención.

Desde OUeC fan unha lectura de “total menosprezo” do equipo de Jesús Vázquez ás persoas desempregadas no concello de Ourense. “En catro anos, o Partido Popular non tivo nin a idea nin moito menos a intención de reverter a grave situación de desemprego que viven miles de familias na nosa cidade, e que o edil encargado de impulsar políticas de emprego renuncie agora a estas axudas é moi revelador: a súa cegueira é total, e con ela pinta de negro o futuro laboral nesta cidade”, explica Montserrat Valencia.

A última ocasión na que o concello de Ourense concorreu a esta subvención foi en 2016, e logo de serlle concedida, perdéronse máis de 23.000 euros sen executar nin xustificar: sen avisar ás persoas inscritas, canceláronse sen motivo seis accións formativas e a promesa dunha oficina Municipal de Fomento Cooperativo nunca chegou a materializarse.