Ourense Cidade

Ourense un "modelo de cidade"

O alcalde presentou na Fundación Barrié de A Coruña un proxecto de futuro para Ourense, dividido en oito eixos fundamentais. A proposta incide nunha cidade sustentable, social, cun sector económico dinámico, inclusiva, cunha administración transparente e que aposta pola Cultura.

ondacero.es

Ourense |

Jesús Vazque, na Fundación Barrie | concello de ourense

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, presentou en A Coruña o seu proxecto de cidade para o futuro. Unha proposta que reivindica “cambiar a forma de facer política” e que aposta polo diálogo para dar respostas a unha sociedade que demanda recuperar a confianza nos seus líderes políticos e por poñer as persoas como “principio e fin” da xestión política.

Así o reivindicou este xoves, durante a súa intervención na mesa redonda “Cidades Saudables”, organizada na Fundación Barrié pola Consellería de Sanidade para divulgar e fomentar o Proxecto Cidades Saudables.

“O noso modelo de cidade pode ser universal, porque da resposta ás necesidades de toda Europa. Pero é moi noso, porque está concibido para mellorar as nosas debilidades e potenciar as nosas fortalezas como pobo”, explicou o rexedor ourensán.

Trátase dun proxecto dividido en oito eixos fundamentais para mellorar a calidade de vida dos máis de 105.000 habitantes de Ourense e converter a cidade “nun modelo de calidade de vida, de vivir ben, de accesibilidade, innovación e creatividade”, insistiu o rexedor.

Este programa de futuro aposta pola sustentabilidade, a través de proxecto Ecobarrio, “unha proposta pioneira a nivel mundial para aproveitar a enerxía xeotérmica e que contribuirá á redución da emisión de gases contaminantes e a mellora do Medio Ambiente”, explicou Jesús Vázquez .

A nivel social, o rexedor reinvindicou a necesidade de poñer en marcha un Pacto Social de Goberno local para garantir medidas de protección ás persoas máis vulnerables da sociedade ourensá. Neste sentido, recordou que aínda que esta proposta non contou co apoio da oposición neste mandato, volverá ser un dos obxectivos para o seu proxecto de futuro.

En materia económica, Vázquez Abad apostou pola promoción e modernización da Economía local e do Comercio, así como pola creación

dunha estratexia de promoción turística aproveitando a próxima chegada do AVE a nosa cidade.

Neste sentido, outro dos eixos para construír o Ourense do día de mañá é a mellora das conexións da cidade a través de novas infraestruturas como o Alta Velocidade, “que situará a nosa cidade a apenas dúas horas de Madrid”, explicou o alcalde.

O proxecto presentado polo rexedor ourensán complétase con medidas para fomentar a creatividade e a innovación; impulsar a inclusión social, e a reivindicación dun espazo para a Cultura, como se fixo neste mandato coa construción do Complexo Cultural en San Francisco ou co desbloqueo do Museo Arqueolóxico despois de 17 anos pechado.

Esta batería de medidas remata cunha decidida aposta pola participación e colaboración cidadá, así como pola transparencia.

Neste sentido, o alcalde reivindicou a necesidade de recuperar as cidades “como espazo de progreso social e plataformas para a Democracia”. Tamén defendeu o diálogo e a diversidade como “motores de crecemento económico e lugares de rexeneración medioambiental”.

“Fai falla ter altura de miras e volver conectar cos cidadáns”, nun momento social no que “a fragmentación política é grande”, asegurou o rexedor. Nesta liña reivindicou “un voto útil que dote ás cidades de gobernos fortes que sexan capaces de desenvolver os seus proxectos en liberdade”