O Concello de Ourense sitúase como referente no ensino da robótica e da programación, como sede das Xornadas de Robótica e Programación CEFORE que se desenvolveron durante a pasada fin de semana no Centro de coñecemento e innovación La Molinera. Esta actividade, organizada coa colaboración da Concellería de Educación, Emprego e Promoción Económica, reuniu en Ourense máis de 200 docentes dos ámbitos da Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Formación profesional procedentes de diferentes cidades galegas.
Durante 12 horas o venres, 25 e o sábado, 26 de outubro, o profesorado participou activamente nun total de 38 actividades guiados por expertos en IOT (Internet das cousas), realidade virtual, robótica, programación, deseño CAD, impresión 3D, cortadora láser, etc.
O Concello de Ourense, a través de La Molinera, espazo municipal especializado na transmisión de coñecemento, facilitou os recursos dispoñibles para a realización desta xornada, coa finalidade de contribuír á divulgación e utilización das novas tecnoloxías chamadas a xogar un papel fundamental no presente e no futuro en todos os ámbitos, e moi especialmente neste, o da docencia e a educación da nosa infancia e mocidade.