Ourense inicia a conta atrás do Entroido 2019 desvelando os primeiros detalles do programa festivo, que irá desde o 28 de febreiro, xoves de comadres, coa lectura do pregón a cargo do actor Xosé Antonio Touriñán, até o 6 de marzo, co tradicional Enterro da Sardiña. Na presentación, esta mañá no salón de plenos, estiveron presentes tamén os entroidos da cidade -a Paquita e o Nicanor de Seixalbo, o Frei Canedo da Ponte, e a Pita das Eiroás-, porque “o Entroido faise entre todos e a cidade brilla diferente cando as asociacións e os barrios participan da vida cultural”, sinalaba a concelleira de Cultura, Belén Iglesias.
Ourense prepara unha programación para todas as idades “con actividades para a cativada polo día, con música de máis de 25 charangas e animación de rúa ao longo da xornada, cinco orquestras e sesións DJ pola noite”, avanzaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a súa intervención. “O Entroido é unha tradición cargada de simbolismo e que nos identifica como ourensáns e como ourensás, porque a diferencia doutros lugares nos que tamén se celebra esta festa, o de Ourense vivímolo dunha forma especial... porque nos sae de dentro”, dixo o rexedor.
O Concello pon ao dispor da cidadanía todas as facilidades para que poidan celebrar estas festas co espírito de alegría e de fraternidade, “pois ao cabo o verdadeiro Entroido é a xente”, apuntaba Vázquez Abad. Actualmente, aínda están abertas dúas convocatorias: a do cartel de Entroido, até o día 18 de febreiro -concurso dotado con 800 euros- e a das comparsas e de rei/raíña do Entroido. Ambas pretenden que a cidadanía se involucre nesta Festa, alén dos recursos que poida achegar o Concello de Ourense.
“Ademais dunha festa, o Entroido é un recurso imprescindible da nosa identidade, e así debemos consideralo e vivilo intensamente”, en palabras do alcalde de Ourense.