O parque náutico de Castrelo de Miño no mellor momento da súa historia
Castrelo de Miño organizará este ano dous novos campionatos de España nos meses de xuño e xullo, serán a Copa de España de Maratón de Piragüismo os días 22 e 23 de xuño, e o Campionato de España de Remo Olímpico os días 12 e 13 de xullo
O alcalde Xurxo Rodríguez Méndez manifestou a súa satisfación por ver como os convenios asinados entre o concello e as federacións galegas de remo e piragüismo no ano 2016 deron os seus froitos e permitiron que Castrelo de Miño voltase con máis forza que nunca ao escenario estatal das competicións náuticas. As melloras realizadas nas instalacións, na pista de remo, nos embarcadoiros boiantes e nas ramplas de acceso e que superaron os 140.000 euros converteron ao parque náutico de Castrelo de Miño no mellor lugar de España para a organización de grandes campionatos. No 2021 a Federación Internacional de remo tamén confirmou a organización da Copa Internacional da Xuventude e a Federación Española de Piragüismo deulle a súa aprobación ao Campionato do Mundo Sprint de Piragüismo en 2020.
22 e 23 de xuño - Copa de España de Maratón de Piragüismo
Será os días 22 e 23 de xuño cando acolla a Copa de España na modalidade de maratón, tanto na categoría absoluta como na máster (veteranos), que reunirá a ao redor de 700 padeeiros de case 70 clubs españois.
A Real Federación Española de Piragüismo acaba de facer público o comunicado que a lámina do río Miño no Ribeiro acollerá a terceira edición desta competición.
A federación Galega de Piragüismo iniciou a finais do ano pasado os trámites necesarios para solicitar esta competición de ámbito nacional, onde tivo como rivais sedes propostas polas federacións de Asturias e Estremadura, pero finalmente a xunta directiva da Federación Española decantouse pola proposta ourensá.
Converterase nunha das competicións máis cotizadas do calendario nacional, xa que á súa vez será o selectivo nacional da especialidade de maratón, onde se elixirá o equipo nacional que participe no Campionato de Europa que se disputará o 25 de xullo en Decize (Francia), e o equipo que represente a España no Campionato do Mundo para desenvolver o 10 de outubro en Shaoxing (China).
12 e 13 de xullo - Campionato de España de Remo Olímpico 2019 (alevín, infantil e veteranos)
Esta cita chegará apenas cinco meses despois de que o mesmo escenario fose sede do Campionato de España de longa distancia, e do campionato de españa de seleccións autonómicas.
É claro e manifesto o apoio das federacións galega e española de remo a Castrelo de Miño como mellor lámina de auga de España. Tres campionatos de España de Remo no ano 2019 así o confirman.
Este mesmo martes, a presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente, desplazouse a Castrelo de Miño para visitar as instalacións do Parque Náutico, onde se realizou unha reunión organizativa do campionato, á que asistiron tamén como anfitrións o alcalde e a concelleira de deportes do Concello de Castrelo de Miño, as federacións galega e española de remo, o clube náutico, e o Inorde.
O alcalde Xurxo Rodríguez agradeceulle á presidenta a súa visita, a súa aposta por Castrelo de Miño como sede dos campionatos de España das distintas modalidades de remo olímpico, e manifestoulle a continuidade do apoio do concello de Castrelo de Miño, que permitiron que a día de hoxe o parque náutico de Castrelo de Miño, por instalacións e competicións se atope no mellor momento da súa historia.