O Comité Executivo do Partido Popular de Ourense, reunido hoxe na sede provincial, aprobou a liquidación das contas correspondentes ao exercicio de 2018, que segundo afirmou o presidente provicial, Manuel Baltar, “reflicten o labor que estamos a facer desde hai anos para xestionar de xeito eficiente os nosos recursos”.
O documento de liquidación das contas sinala que o PP ourensán obtivo en 2018 uns ingresos por valor de 346.099,10 euros, mentres que a contía dos gastos alcanzou os 404.807,62 euros. A diferenza entre ingresos e gastos ven dada polo reaxuste que ao longo do ano se realizou no tocante ás aportacións dos cargos. Con todo, os remanentes obtidos grazas á xestión realizada nos últimos anos, permite facer fronte a este resultado económico.
O presidente provincial, Manuel Baltar, subliñou o esforzo que está a facer o partido no ámbito económico “onde a eficiencia na xestión é a máxima prioridade”, aínda que o aspecto máis relevante “é o exercicio de transparencia, fronte á militancia e, sobre todo á sociedade, tanto no tocante ao funcionamento interno como nas campañas electorais, algo que non poden dicir o resto das formacións políticas”.