21 persoas con dificultade de acceso ao emprego, na procura dunha oportunidade laboral
A través do Punto Formativo Incorpora de “la Caixa”, 21 persoas en risco de exclusión formaranse como conserxes e recepcionistas aumentando así as súas posibilidades de inserción laboral
Durante os vindeiros meses, un total de 21 persoas con dificultade de acceso ao emprego pertencentes ao Programa Incorpora de “la Caixa” recibirán formación específica para capacitarse como conserxes e recepcionistas, aumentando así as súas posibilidades de inserción laboral. As persoas participantes nesta formación pertencen ás entidades Saúde Mental FEAFES Galicia, COGAMI e Igaxes.
O curso, que conta cun total de 300 horas, está xestionado pola federación de saúde mental e desenvolverase en Santiago de Compostela durante os meses de abril, maio, xuño e xullo. O seu obxectivo é capacitar ao alumnado para desempeñar tarefas profesionais como conserxe-recepcionista, realizando para iso labores de atención ao público, servizo de recepción, control de accesos e vixilancia, mantemento correctivo e preventivo de instalacións, etc.
A formación teórica será complementada con 80 horas de prácticas non laborais en empresas colaboradoras, onde o alumnado poderá poñer en práctica as facultades adquiridas e coñecer de primeira man o funcionamento das empresas do sector. Isto tamén permite ao empresariado coñecer como traballan estas persoas de cara á valoración dunha posible contratación posterior.
Ademais deste curso, as accións formativas levadas a cabo no marco do Programa Incorpora contemplan tamén un curso de limpeza de inmobles, cristais e superficies industriais que se impartirá na Coruña a partir de setembro.
Punto Formativo Incorpora
A través deste proxecto, "la Caixa" ten como finalidade a integración sociolaboral de persoas en risco ou situación de vulnerabilidade, buscando a súa capacitación para que estean máis preparadas á hora de inserirse no mundo laboral. Para iso, realízanse cursos que pretenden mellorar a empregabilidade daquelas persoas que se atopan en risco de exclusión social e que non poden acceder a outras accións formativas.
Trátase dunha formación de calidade que non inclúe só os contidos técnicos, senón que tamén forma á persoa dende un punto de vista integral proporcionándolle as ferramentas necesarias para superar outros obstáculos que poidan afectar á súa empregabilidade.
Deste modo, o Punto Formativo Incorpora traballa sobre catro eixes básicos: encaixar a formación á demanda empresarial, empoderar ás persoas usuarias, facilitar prácticas non laborais en empresas ordinarias e traballar en rede con outras entidades.
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que teñen problemas de saúde mental e a dos seus familiares.
O ámbito de actuación de Saúde Mental FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en máis de 30 localidades e conta con arredor de 7.000 socios.