Ourense Provincia

As persoas empadroadas en Allariz gozarán de prezos especiais no SPA OCA Vila de Allariz

A alcaldesa Cristina Cid xunto coa directora do hotel alaricano, Goretti Iglesias, asinaron esta mañá un novo convenio que permite dispoñer ás persoas empadroadas en Allariz de prezos especiais no seu servizo de spa

Óscar Gómez

Ourense |

A alcaldesa Cristina Cid xunto coa directora do hotel alaricano, Goretti Iglesias, asinaron un novo convenio | concello de allariz

O Concello de Allariz ven de asinar un acordo con Oca Vila de Allariz Hotel & SPA para favorecer o uso do Spa por parte das persoas empadroadas en Allariz.

A alcaldesa Cristina Cid xunto coa directora do hotel alaricano, Goretti Iglesias, asinaron esta mañá un novo convenio que permite dispoñer ás persoas empadroadas en Allariz de prezos especiais no seu servizo de spa.

O acordo, que estará en vigor ata o 31 de decembro do próximo ano 2020, facilitará ás persoas empadroadas, que dispoñan de tarxeta de cidadanía, o acceso ao spa a un prezo máis vantaxoso: o acceso ao Circuíto Termal de domingo a venres que inclúe piscina activa de chorros, camas de oxixenación, colos de cisne, Jacuzzi, poza fría, saunas e fonte de xeo, aplicando a tarifa reducida: 9,50 € IVE incluído (exclúense sábados, festivos e mes de agosto) e técnicas termais en cabinas de domingo a venres: 20% desconto sobre o prezo de venta ao público (exclúense sábados, festivos e mes de agosto).

Para poder gozar deste servizo é preciso contactar co Oca Vila de Allariz Hotel & SPA para reservar cita previa (recoméndase, mínimo, 48 horas de antelación) e aportar o carné de cidadanía.

O Concello de Allariz, co obxectivo de incrementar a calidade de vida e benestar da cidadanía, desenvolve, dende hai anos, iniciativas referentes á prestación de servizos á veciñanza contando con instalacións deportivas e sociais así como instalacións comerciais e hostaleiras.