Ourense Cidade

O Plan Activamos-Transforma Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa, asinaron hoxe o convenio de colaboración anual entre ámbalas dúas entidades

ondacero.es

Ourense |

santiago novoa, manuel baltar e rubén saavedra | deputacion de ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa, asinaron hoxe o convenio de colaboración anual entre ámbalas dúas entidades, o Plan Activamos-Transforma Ourense, un programa conxunto que ten como obxectivo achegar financiamento a familias e empresas da provincia de Ourense, que ata a data ten destinado xa preto de 90 millóns de euros a prol da competitividade. Esta liña de impulso crediticio renóvase en 2019 con produtos a medida para familias, autónomos, pemes e administracións; recolle as peticións de Deputación de Ourense e incorpora unha opción de crédito para facilitar a internacionalización das empresas da provincia.

“Ourense é ABANCA e ABANCA é Ourense”, destacou Manuel Baltar no acto de sinatura deste acordo de cooperación entre a institución provincial e a entidade bancaria, “unha cooperación que permite poñer este ano a disposición das familias, empresas, emprendedores, autónomos e corporacións locais da provincia de Ourense un total de 21 millóns de euros, o cal é un acerto; unha alianza estratéxica a prol do progreso e da competitividade de Ourense que seguiremos impulsando”.

Baltar remarcou o “apego á terra de ABANCA” e as súas orixes en Caixa Ourense, e subliñou a presenza da entidade en practicamente todo o territorio provincial. Este impulso en favor da competitividade, detallou o presidente do goberno provincial, “vai dirixido ás familias, para a adquisición de equipamento tecnolóxico, de vehículos eficientes e para o desenvolvemento formativo, e mesmo á reformas no fogar, coa eficiencia enerxética como punto importante, pero tamén vai para a rehabilitación de vivendas no medio rural, unha cuestión na que estamos todos implicados para manter e fixar poboación no territorio provincial”.

Asemade, Manuel Baltar se referiu “ás liñas de apoio que se poñen a disposición de empresas e autónomos para a creación de emprego, así como para a internacionalización, unha das grandes apostas deste goberno provincial coas empresas de Ourense, e por suposto para as corporacións locais”. “É un amplo abano de oportunidades que ABANCA pon a disposición de Ourense e seguramente esgotarase esa cantidade inicial, proba do dinamismo das empresas e das corporacións locais e da nova etapa que están a vivir as familias, dese esforzo por mellorar, desa ambición; e esta alianza estratéxica vai seguir sendo un dos estandartes do goberno provincial”.

A solvencia económica e a excelencia na xestión da Deputación de Ourense, avaladas polo balance destes sete anos da Presidencia de Manuel Baltar ao fronte do goberno provincial, permiten “abrir liñas de progreso para a provincia de Ourense, e en todos eles está ABANCA, que conta na Deputación de Ourense cun leal colaborador”, expresou Baltar, lembrando que hai días asinaba con Rubén Saavedra o convenio de colaboración entre ámbalas dúas entidades para desenvolver en 2019 o programa "ChegOU" de apoio á natalidade –iniciativa única en Galicia-, un acordo que permite xestionar mediante unha tarxeta prepago a axuda económica que outorga a Deputación de Ourense -300 euros por bebé-, destinada á adquisición en farmacias e parafarmacias de produtos hixiénicos, alimentarios e/ou de saúde, relacionados co primeiro ano de vida do bebé.

Tamén se referiu Baltar á sinatura, hai meses, co presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet, do convenio para a creación do centro tecnolóxico “Provincia Intelixente”, cumprindo así un dos obxectivos recollidos no proxecto “Provincia Intelixente” do Plan de mandato “Ourense 15-19” de Manuel Baltar, coa finalidade de situar á provincia de Ourense como referente no ámbito da innovación. Un centro que estará situado no

recinto de Finca Sevilla, en Ourense, cunha superficie de máis de 8.000 metros cadrados, “e que permitirá crear novas oportunidades no ámbito tecnolóxico, económico e social, e que será o núcleo tecnolóxico da provincia de Ourense”, dixo Baltar.

ABANCA e Ourensanía

Pola súa banda, Santiago Novoa destacou que este plan “é un instrumento clave de sostibilidade e da rexeneración do tecido produtivo da provincia”, e agradeceu a colaboración do presidente Baltar e da Deputación de Ourense, remarcando que “en ABANCA entendemos a Ourensanía e formamos parte dela”, Novoa dixo que esta liña de financiamento “permite crear empresas tractoras da economía provincial, capaces de xerar valor engadido e traballo de calidade”. Rubén Saavedra puxo de manifesto a consolidación desta iniciativa, presentando as liñas de financiamento e os tipos de crédito para 2019 e facendo un balance do que ten sido o Plan Activamos-Transforma Ourense ao longo deste anos. “É un claro exemplo do compromiso de ABANCA con Ourense, ofrecendo solucións a autónomos, pemes e familias, para fomentar o investimentos e o emprendemento”, concluíu.

O Plan Activamos-Transforma Ourense mantén o impulso na achega de crédito ás iniciativas que se xeran na provincia. O programa formalizou desde a súa creación un total de 3.159 operacións, cun importe global de 89,4 millóns de euros. Máis de nove de cada dez euros concedidos por este programa destináronse a pemes e autónomos, que supuxeron 3.031 formalizacións por un importe global de 83,4 millóns. Desta cantidade, o plan concedeu 50,4 millóns a atender as necesidades de circulante das pemes e autónomos e á creación de emprego, mentres que 33,1 millóns se destinaron a acometer novos investimentos, facilitar o emprendemento ou impulsar a mellora enerxética.

As corporacións locais tamén se beneficiaron do Plan Activamos-Transforma Ourense e formalizaron no período un total de 16 operacións por un importe total de 2,9 millóns de euros. Este financiamento reflíctese directamente nos veciños destes municipios grazas á posta en marcha de proxectos dirixidos a mellorar os servizos.

As liñas de financiamento para familias do Plan Activamos-Transforma Ourense permitiron a inxección de preto de 1,1 millóns de euros en crédito na provincia. As familias ourensás aproveitaron as boas condicións deste programa de créditos, principalmente, para financiar pequenas obras de mellora enerxética no fogar e actividades de formación. O importe medio destes préstamos foi de case 15.000 euros.