ondacero.es
Ourense | 16.11.2018 09:37
Na súa visita ao Centro Integral de Servizos “AIXIÑA” de Ourense, onde mantivo un encontro con diferentes asociacións de persoas afectadas por enfermidades neurodexenerativas, discapacidade física, esclerose múltiple, Lupus, enfermidades neuromusculares e renais, Crohn, Párkinson e ELA, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comprometeuse a levar á Cámara galega as súas demandas entre as que destacou aumentar a partida orzamentaria que inclúe a construción da residencia de maiores na cidade.
Acompañada da deputada, Noa Presas e o candidato do BNG á Alcaldía de Ourense, Luís Seara, Pontón denunciou que as entidades levan máis dun ano sen poder cobrar as axudas do concello o que está dificultar gravemente o labor de atención social das persoas con discapacidade e diversidade funcional. “As administracións deben responder porque resulta ilóxico que tras conceder as axudas, as entidades beneficiarias non poidan cobralas”.
Sobre a autonomía persoal, dixo que resulta “ grave” que non se cumpra a lei de accesibilidade ao que sumou contar cunha Lei de dependencia, que en moitos ámbitos só é “papel mollado”. En Galiza explicou, existe un 14% de persoas dependentes nun total de 17.000 das que 1.500, a pesar de ter recoñecido o dereito á dependencia, non reciben ningún tipo de axuda. Para resolver esta situación son necesarios máis recursos económicos polo que reclamou “os 186 M€ que o Estado debe a Galiza nesta materia”.
Neste sentido manifestou que “é grave que o Partido popular non reclamara esta débeda pero é igual de gravoso que o Goberno central non amose ningunha disposición a pagarlle a Galiza esta débeda histórica”. Con 186 Millóns de euros, recalcou, poderíamos pagar a dependencia ás persoas que agora non reciben a axuda.