Ourense Provincia

O Psoe de Piñor denunica que o alcalde fai oidos xordos as necesidades dos veciños

A pesar de que as demandas da veciñanza xa teñen unha semana, o alcalde do PP é incapaz de reclamarlle á deputación que poña en marcha o plan de viabilidade invernal para evitar accidentes

ondacero.es

Ourense | (Publicado 09.01.2019 09:37 )

Carretera en Piñor | Onda Cero

O alcalde popular de Piñor volve castigar á veciñanza coa súa habitual desidia, desta vez ó manterse impasible ante as baixas temperaturas e as consecuencias destas nas estradas provinciais que dan servizo ó concello. Tanto a OU-0406, que vai a Oseira, como a OU-0402, ó seu paso pola Mirela e tamén a OU-0404 que comunica Piñor co límite coa provincial de Pontevedra (A Pallota) presentan un estado intransitable por causa da xeada. O portavoz do PSOE no Concello de Piñor, Francisco Fraga, sinala ó respecto que, “foron varias as persoas que lle dixeron ó alcalde, xa vai unha semana, que había que facer algo que con esa cantidade de xeada era moi perigoso transitar e que ía acontecer algunha desgraza. Fixo caso omiso, coma sempre, deu a calada por resposta e día tras día a veciñanza segue esperando que alguén faga algo pola súa seguridade nestas tres arterias principais”.

Se ben estas vías, prioritarias para a circulación no concello, son de titularidade provincial, o goberno municipal ten o deber e a obriga de reclamarlle á deputación que bote sal ou tome as medidas oportunas. “Podemos entender que o alcalde non se quere por a mal cos do seu mesmo partido pero a súa responsabilidade como alcalde obrígao a priorizar os intereses da veciñanza de Piñor por enriba dos partidistas. Non terá gana de molestar a Baltar pero lembrámoslle que as estradas provinciais son financiadas cos impostos de todo o mundo e é responsabilidade da deputación mantelas en bo estado e velar pola seguridade para os usuarios”, indica Fraga Civeira. As tres vías presentan un estado lamentable debido ás xeadas que foron caendo nestes días ata converter as estradas en pistas perigosas para o tránsito, onde se pode esvarar co coche e ter un accidente sen necesidade. Desde o PSOE de Piñor esíxenlle ó alcalde do PP que se poñan, dunha vez, mans á obra e vai facer as xestións oportunas para que veñan arranxar esta cuestión o máis axiña posible. “Canto máis tempo boten as estradas así máis riscos corre a veciñanza posto que son estradas moi usadas porque comunican tanto coa capitalidade como con lugares moi frecuentados, tal é o caso de Oseira. Son vitais para a comunicación do concello e ten toda a pinta de que vai seguir xeando polo que reclamamos un plan de viabilidade invernal para Piñor e que se poña en marcha de xeito inmediato. As veciñas e veciños do concello non teñen porque pagar a pasividade deste alcalde que pasa de todo e tanto lle da o estado dos servizos máis básicos”, remata o voceiro socialista.