Deporte

Reabre a zona fitness do Pazo dos Deportes “Paco Paz”

A apertura realizarase con limitacións e con tódalas medidas de seguridade.

Óscar Gómez

Ourense | (Publicado 01.09.2020 10:00 )

Reabre a zona fitness de Paco Paz | La Voz de Galicia

A zona fitness do Pazo dos Deportes “Paco Paz” reabre coincidindo co inicio da tempada deportiva, e a apertura realizarase con limitacións e con tódalas medidas de seguridade. Comezará abrindo de luns a venres, en horario de 7.00 ás 13.00 horas e de 16.00 ás 22.00 horas, horarios que veñen limitados pola normativa e a esixencia de desinfeccións e tratamento profundo que hai que realizar.

Para acceder a esta zona habilitouse a entrada do fondo norte do Pazo (zona do spa) que xa se empregou durante os meses de xuño e xullo pasados. As zonas que estarán abertas son: zona de cardio, zona de peso libre e máquinas de musculación, zona complementaria de cardio instalada en sala clases colectivas 1, sala III de Fit-bike, e sala 2 de clases colectivas. Cada unha destas zonas ten aforo limitado.

En canto ás limitacións, soamente se poderá permanecer na instalación o tempo xusto de realizar a actividade e, si existe praza, o emprego de duchas e vestiarios. Non haberá rutinas dirixidas por monitores e non haberá contacto físico nin entre usuarios nin cos monitores pola obrigatoriedade de manter a distancia social. Polo tanto, o cometido dos monitores será nas salas de cardio e pesas distribuír aos usuarios nas diferentes áreas de traballo ou máquinas e autorizar o cambio de zonas, e nas clases colectivas, impartir a clase sen contacto cos usuarios. Ademais, os usuarios deberán seguir as indicacións dos monitores, recepcionistas e persoal do servizo.

Por razóns sanitarias e hixiénicas, o uso dos vestiarios para ducharse e cambiarse quedará restrinxido á dispoñibilidade existente, respectando as distancias e baixo demanda ao persoal de servizo que será quen distribúa aos usuarios segundo a dispoñibilidade existente en cada momento.

Dado que non se poden usar aparatos, complementos e equipos habituais nas clases dirixidas, a programación tense que limitar a aquelas modalidades nas que non hai contacto físico con equipamentos nin entre usuarios. O monitor dirixirá a clase e controlará que se manteña a distancia entre usuarios. A medida que se flexibilicen as circunstancias, incrementarase a tipoloxía e número de clases pero, mentres tanto, a programación das clases será semanal.

A Deputación fixou unha cota especial de 2 euros por sesión, tanto de mañá ou tarde, e unha cota mensual de 20 euros que se manterá o tempo que duren estas especiais circunstancias.

As obrigas dos usuarios figuran nas propias instalacións coas normas concretas que deberán cumprir pero, entre elas cabe destacar que o uso da máscara é obrigatorio sempre e non será esixible no momento de realizar a actividade deportiva sempre que se poida garantir a distancia de seguridade de dous metros e exclusivamente durante a realización da actividade.