15 restaurantes, 300 expositores e 9 países, protagonistas de Xantar 2020
Expourense acolle a 21ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico do 5 ao 9 de febreiro, na que se destaca o papel da enogastronomía como dinamizador do rural.
O Salón Internacional de Turismo Gastronómico “Xantar” chega á súa 21ª edición en Ourense entre o 5 e o 9 de febreiro centrado na promoción do papel que xogan a gastronomía e o viño á hora de dinamizar a contorna rural contribuíndo a fixar poboación e a afrontar o reto demográfico. A este obxectivo súmase o protagonismo destacado que terá a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Humanidade da UNESCO.
Expourense converterase durante esta semana no epicentro do turismo enogastronómico a reunindo 298 expositores (cifra lixeiramente superior á edición anterior) e con 9 países representados (España, Portugal, Costa Rica, Cabo Verde, México, Perú, Chile, Panamá e Arxentina).
No que respecta ás actividades, Xantar reunirá a recoñecidos chefs de 6 países que impartirán talleres de cociña en directo enmarcados no XV Encontro Internacional de Gastronomía Saudable e Sustentable que ofrecerá ao público máis de 150 experiencias.
Novidades
O viño será un dos protagonistas coa celebración dun Curso certificado de Iniciación á Cata impartido polo Instituto Galego do Viño e tamén da Xornada sobre Reto Demográfico e Fixación de Poboación no Rural, “Wine Talks”, que inclúe a conferencia de cinco adegueiros galegos e a posterior cata dos seus viños.
Outra das novidades será a celebración, o xoves 6 febreiro, da cuarta e última semifinal do VIII Concurso Cociñeiro do Ano e do IV Concurso Camareiro do Ano. Oito cociñeiros e cinco camareiros de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, A Rioxa e Navarra competirán por alcanzar a final nacional que se celebrará en abril de 2020, na Feira Alimentaria en Barcelona.
150 actividades
O programa de actividades de Xantar 2020 inclúe tanto conferencias de expertos como exhibicións de cociña en directo, ademais de catas comentadas e degustacións. Ofrecerá ao público máis de 150 experiencias. Recoñecidos chefs de 6 países impartirán un total de 70 showcookings aos que hai que sumar 45 catas comentadas de distintos produtos e máis de 50 degustacións de produtos autóctonos.
O programa de showcookings complétase con actividades paralelas como o VII Encontro de Bloggers Gastronómicos e Turísticos no que participan máis de 25 blogueros de Galicia, Asturias, Castela e León e Portugal ou o XVI Encontro Internacional de Confrarías que reunirá a 40 entidades.
Xantar 2020 contará tamén cun amplo programa de actos especiais como a Noite do Deporte ou a da Mocidade. Todos os días ás 12.30 horas haberá un acto oficial no que se celebra un día dedicado a distintos destinos e entidades estreitamente vinculados co salón.
Ribeira Sacra e Portugal
Outra das grandes novidades desta edición será a promoción internacional da Ribeira Sacra e o apoio á Candidatura desta a ser incluída como Patrimonio Mundial da UNESCO en 2021. A Ribeira Sacra contará cunha caseta promocional do Consorcio de Turismo e de varios concellos incluídos nesta zona, cun restaurante liderado polo concello de Parada de Sil e coa presenza do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
Na presenza internacional destaca un ano máis a masiva presenza de Portugal que estivo presente en Xantar desde a súa primeira edición e aumentou progresivamente a súa participación tanto en número de restaurantes como de expositores ou visitantes. A Entidade de Turismo Porto e Norte é o principal socio estratéxico de Xantar no país veciño e facilita cada ano a participación de numerosas cámaras municipais lusas que acoden ao salón con caseta e organizan múltiples showcookings, catas comentadas e degustacións para promocionar o turismo de proximidade. Así mesmo estarán presentes estaurantes de Braga, Vila Real e Guimaraes.
22 menús en 15 restaurantes
Xantar 2020 ofrecerá a oportunidade de gozar da gastronomía de distintas rexións de España e Portugal a través dos 15 restaurantes que ofertan 22 menús diferentes.
A participación de Illa de Ons (Pontevedra) e de Guimaraes (Portugal) serán as dúas grandes novidades en restauración, á que se suma o regreso da Baixa Limia con restaurante propio.
Castela e León, Inorde, Vila de Cruces, Porto da Guarda, Parada de Sil, Ría de Pontevedra-Beluso, Vila Real, Federación de razas autóctonas de Galicia, Condado Paradanta, Sabores de Ourense, Braga e Ourense Capital Termal completan a oferta de restauración deste 21ª edición de Xantar con menús variados que van dos 15 aos 35 euros.