O Ribeiro ofrece novas rutas de ViñoBus para promocionar os seus valores patrimoniais
A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa enoturística que se desenvolverá no mes de setembro
A Ruta do Viño do Ribeiro, o Consello Regulador e o Xeodestino Ribeiro – Carballiño, coa colaboración da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, poñen en marcha novas rutas de ViñoBus para complementar a súa oferta enoturística durante o mes de setembro, coincidindo coa actividade da vendima, centradas na promoción dos recursos patrimoniais e da cultura do viño. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no centro cultural “Marcos Valcárcel”, acto que contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; do presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Manuel Casares; do presidente do Xeodestino Ribeiro – Carballiño, Francisco José Fernández; e da xefa territorial en Ourense da Consellería de Turismo e Cultura, Sandra Quintas.
A Deputación de Ourense colabora con esta proposta que este ano ten un marcado carácter de promoción “dos valores patrimoniais do Ribeiro, un territorio no que a cultura do viño deixou unha profunda pegada material e inmaterial”, lembrou Rosendo Fernández. Así mesmo, a directora da Axencia de Turismo de Galicia dixo que a xunta de Galicia continuará a colaborar “para poñer en valor os nosos recursos turísticos e o sector vitivinícola que ten un peso crecente na nosa economía galega grazas ás cinco Denominacións de Orixe e ás catro Indicacións Xeográficas Protexidas, que abarcan máis de 450 adegas, máis de 13.000 viticultores e que xera un valor anual de 200 millóns de euros”.
Pola súa parte, Francisco José Fernández destacou a importancia da cooperación entre estas cinco entidades para “establecer unha estratexia conxunta e poñer en marcha un plan ambicioso de actividades para desenvolvela”. Esta estratexia – engadiu o presidente do Xeodestino Ribeiro – Carballiño, ten como obxectivo “revitalizar unha comarca vitivinícola histórica e potenciala como destino enoturístico, poñendo en valor o territorio, a paisaxe, os recursos culturais e patrimoniais, e o termalismo”. Neste mesmo sentido, Juan Manuel Casares explicou que é “o segundo ano que se fai esta actividade coa novidade de tematizar as rutas cos tres grandes momentos da historia milenaria do Ribeiro: a época castrexa romana, a época das grandes ordes monacais, e a época do esplendor dos Pazos, a gran eclosión económica do Ribeiro”.
Rutas
As rutas propostas este ano están centrada na temática da historia e comezarán o día 14 de setembro, ás 9.15 horas, cun autobús que partirá da cidade de Santiago de Compostela para percorrer a pegada histórica que as ordes monacais deixaron neste territorio, a través da produción e comercialización do viño do Ribeiro. Nesta ruta, os visitantes terán a oportunidade de gozar da visita ao Mosteiro de San Clodio e o Museo do Viño de Galicia, así como adegas socias da Ruta do Viño como Viña Costeira, Cuñas Davia ou Licores os Maios.
O día 21 de setembro, a temática do viñobus procedente de Vigo xirará en torno á cultura Castrexa, incluíndo na ruta visitas ao Castro de Santa Lucía en Castrelo de Miño ou o Castro de San Cibrao de Las, ademais de adegas como Celme, Pousadorio ou Leive Ecoadega.
O último viñobus desta tempada, que partirá da cidade de Ourense o día 28 de setembro ofrecerá un percorrido polo Esplendor dos Pazos para descubrir as grandes xoias da arquitectura barroca situadas na parroquia de Pazos de Arenteiro, declarado conxunto histórico artístico. Complementarase esta visita coas adegas de Pazo Tizón, Terra do Castelo e Priorato de Razamonde.
Tódalas rutas disporán de servizo de guía turístico. O custe das entradas é de 15 euros e están á venta no portal de ataquilla.com, ou na Sede Afundación das cidades de Santiago de Compostela, Vigo e Ourense.