Cultura

Tanxugueiras leva o seu novo directo a Celanova

O directo do grupo conta cun deseño coidado, acompañado dun xogo de luces que busca implicar ao público cos relatos que transmiten as cancións, un alegato ao empoderamento da muller

Óscar Gómez

Ourense |

Tanxugueiras ao vivo | Tanxugueiras

Tanxugueiras chega a Terra de Celanova o vindeiro xoves, día 5, para interpretar en directo os temas do seu último traballo, titulado Contrapunto e que se pode escoitar dende o 22 de novembro en todas as plataformas dixitais.

A xira de presentación do disco arrancou a pasada fin de semana en Mos e levará ao trío a tocar, nas vindeiras semanas, en Burela e Santiago de Compostela. O grupo conformado por Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, acompañadas de Isaac Palacín ás percusións, volve nesta nova etapa cunha posta en escena moi coidada e rebosante de enerxía. As entradas para o concerto de Celanova, que terá lugar no auditorio municipal Ilduara ás 20.30 horas do xoves 5, xa se poden adquirir na páxina web oficial do grupo (www.tanxugueiras.com) e na páxina www.enterticket.es.

A xira inicial de presentación de Contrapunto aposta por descentralizar os eventos culturais e manterse apegadas e presentes no territorio do que emana a tradición musical que inspira ao grupo. As seguintes citas son en Burela (14 de decembro) e en Santiago de Compostela o 2 de febreiro. Ademais, no día de hoxe, 3 de decembro, o grupo actuará na entrega dos primeiros Premios Galicia de Turismo, que terá lugar a partir das 19.30 horas no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e, mañá, as Tanxugueiras tocarán na cerimonia dos galardóns aRi[t]mar en Santiago de Compostela, onde tamén recollerán o premio á mellor música de 2018 pola canción Que non mo neguen recollida no seu anterior traballo titulado Tanxugueiras.

Para esta nova etapa, as Tanxugueiras subiranse aos escenarios non só con ganas de pasalo ben e a enerxía de sempre que lles caracteriza, senón tamén acompañadas dunha posta en escena na que a iluminación ten un peso fundamental para achegar ao público ás historias que narran nas dez cancións que conforman Contrapunto. Un directo que busca que os e as espectadoras acompañen a Olaia, Aida e Sabela nun percorrido que comeza polas letras máis delicadas e íntimas do disco e que vai subindo de revolucións ata a máxima potencia que Tanxugueiras pode despregar no escenario. Así, o novo directo do grupo será tamén un bo exemplo da evolución musical que plasma o seu segundo disco, que contén un relato maduro, cheo de matices e renovador e no que as tres asumiron a súa definición artística e musical coa colaboración de Isaac Palacín. Contrapunto é, polo tanto, a visión máis persoal dun grupo que aposta pola evolución da música tradicional pero partindo dende a recollida de letras populares. Con elas, Tanxugueiras fía cinco relatos, cada un coa súa cara e a súa cruz, nos que cantan ao empoderamento da muller, á deslealdade e á traizón, á liberdade política, á amizade, á vida, á liberdade de decisión, a crítica á ditadura ou ao desengano. O álbum está xa dispoñible nas principais plataformas dixitais para a súa escoita e para a venda en tendas físicas e online, así como nos concertos do grupo.