Ourense Cidade

Villarino aprobará un plan de rescate municipal

O candidato socialista á alcaldía de Ourense cualificou a Jesús Vázquez como un “alcalde pusilánime, falto de ánimo e valor para tomar decisións e afrontar situacións comprometidas"

Óscar Gómez

Ourense | 23.04.2019 08:10 (Publicado 23.04.2019 08:09)

Rafa Villarino
Rafa Villarino | Onda Cero

O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Ourense anunciou hoxe que, cando sexa rexedor da terceira cidade de Galicia, aprobará un “plan de rescate municipal urxente” nos primeiros meses de mandato, con medidas que permitirán devolver o “brillo, a dignidade e a decencia” á cidade e a “normalidade” ó funcionamento diario do concello.

Rafael Rodríguez Villarino explicou que Ourense está a “esmorecer” por culpa do actual alcalde e, por iso, necesita xa un rescate que “arranxe a desfeita do PP” polo que o PSOE se compromete a aprobar nos primeiros meses do vindeiro mandato, medidas urxentes que permitirán recuperar a cidade e a normalidade no concello. “Ourense necesita un alcalde que traballe e non un alcalde que só se adica a facerse fotografías e a queixarse da oposición”, denunciou o candidato socialista que cualificou a Jesús Vázquez como un “alcalde pusilánime, falto de ánimo e valor para tomar decisións e afrontar situacións comprometidas”. “Só hai dúas cidades en toda España que non aprobaron orzamentos durante este mandato e unha delas é Ourense”, recalcou antes de aclarar que cando sexa rexedor “chegará a acordos con todas as forzas políticas para aprobar un novo orzamento municipal porque os realmente beneficiados serán todos ós veciños e veciñas e non os intereses personais”.

Villarino asevera que o PSOE “quere sacar á cidade da agonía diaria na que vive” e “restaurar a dignidade” da urbe. “A terceira cidade de Galicia non merece ó peor alcalde de España” insistiu logo de sinalar como a Avenida de Pontevedra e a súa contorna, a só unhas decenas de metros da Praza Maior, exemplifica a “desfeita” de Jesús Vázquez. “É unha zona céntrica, declarada patrimonio histórico artístico, pero presidida por edificios en ruínas e co comercio local abandonado; con iconas da cidade como a fachada do centenario edificio do Café Vitoria tamén abandonado; lousas sucias e rotas; zonas verdes e mobiliario descoidado ou cunha reforma da praza de abastos das Burgas atrasada e a só medias posto que deixará ó marxe ás praceiras e praceiros que están fóra do edificio”, relatou o candidato socialista que tamén manifestou que “a Alameda estaba moito mellor estado hai moitos anos, cando eu era pequeno e sacaba fotos nela”. “Imos traballar desde xa para deseñar e por en marcha, co maior consenso posible con todos os grupos políticos, este necesario plan de rescate urxente que evite o desastre, e imos visitar todos os servizos municipais para coñecer de cerca as necesidades dos empregados públicos ”