O Vinteún terá un novo centro de saúde, estimando así as peticións que fixemos, en nome da veciñanza, ante a Xunta”, así o anuncia o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad.
Esta noticia foi comunicada onte por parte do Goberno Galego logo do Consello da Xunta, avanzando que o do barrio do Vinteún formará parte dos 25 centros de saúde que a Xunta construirá ou reformará en toda Galicia.
“Quero poñer en valor e resaltar esta decisión, que vén a estimar as demandas históricas veciñais que lle trasladamos ao conselleiro de Sanidade logo de diversas reunións”, sinala o alcalde de Ourense. “Desde este grupo de goberno municipal logramos impulsar proxectos que levaban paralizados varios lustros”, sinala Jesús Vázquez Abad.
O rexedor ourensán matiza que “o barrio do Vinteún contará con novas dotacións sanitarias e asistenciais, xa que ao novo Centro de Saúde, sumarase a nova Residencia para Maiores, que estará moi preto del, e para a que o Concello está a traballar para poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios para a súa construción”.