Máis de 300 mozos e mozas de Ourense reforzarán o uso do galego
O Auditorio Municipal acollerá o xoves 22 e o venres 23 unha iniciativa que propón aos participantes manter un diálogo con “libros vivos”, persoas de diversos eidos da nosa sociedade que se expresan en galego
O Auditorio Municipal acollerá o xoves, 22 e o venres 23 a Biblioteca Vivente 'Tesouros vivos', unha experiencia que por primeira vez se desenvolve na nosa cidade e que está organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ourense e por Xandobela Educación e Cultura.
Trátase dunha iniciativa que pretende impulsar o uso do galego entre as novas xeracións achegando á mocidade a persoas galego falantes con testemuñas de vida relevantes e vinculadas co Patrimonio Cultural Inmaterial e a Historia de Ourense
A través deste proxecto, 300 mozos e mozas de Secundaria e dos Ciclos de Animación sociocultural e Educación Infantil poderán “ler” libros de carne e oso que lles achegarán información sobre diversos aspectos da nosa cidade: como a súa historia ou cultura, co gallo de espertar o seu interese.
Os participantes recibiron un catálogo de oito libros, con títulos tan atractivos como: “Sabías que…?” “Con dous cornos na testa”, “Californication”, A arca de Noé” ou “Ela abriume as portas do ceo”… co obxectivo de que escollan tres para “leer” no Auditorio.
Durante dous días os participantes poderán descubrir ás persoas que se agochan tras estas publicacións e manter con elas unha conversa que lles sirva para estimular o uso do galego no seu día a día.
A presentación deste proxecto correu a cargo da concelleira de Educación, Belén Iglesias; a técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello, Mónica Fernández e de Chus Caramés, da Cooperativa Xandobela.
“A Biblioteca Vivinte é un proxecto educativo e cultural que pretende achegar coñecementos ás persoas dun xeito ameno, directo e participativo a través da interacción, entrevista e diálogo entre o alumnado participante e os libros de carne e oso”, sinalou Belén Iglesias.
A principal novidade deste proxecto, nado en Dinamarca no ano 2000, consiste en que os libros son persoas que difunden a súa experiencia a través da interacción, entrevista e diálogo con lectores e lectoras. Para ser un Libro non cómpre ser un recoñecido estudoso, senón contar con experiencia vital ou saberes cos que poder ilustrar a outras persoas.
Belén Iglesias destacou que se trata dun proxecto de largo percorrido, que comezou nas aulas, terá continuación este xoves e venres no Auditorio, pero tamén nos centros de ensino tras as xornadas de “lectura”.
A técnica de Normalización Lingüística, Mónica Fernández, explicou que “se trata de traballar dunha forma dinámica co alumnado contra os prexuízos lingüísticos, en persoas novas que non falan galego por non ter referentes na súa casa, porque non o ven moderno ou non mola”. “Van ter a posibilidade de falar directamente con xente que ten superado eses prexuízos e que viven a nosa lingua no seu día a día con grande éxito.
Pola súa banda, a portavoz de Xandobela, Chus Caramés, explicou que as xornadas consistirán en que o alumnado poderá escoller tres dos oito títulos que se lles propuxeron, para que a súa lectura sexa “unha conversa e un diálogo” cos libros viventes.
A través de catro sesións (ás 10:00 e as 12:00 horas dos días 22 e 23 de novembro) a cativada poderá poñerse en contacto e dialogar con tres destes “libros vivos” durante un período de tempo de media hora.