Celebra, Bebega e Antiq Auria pecharon esta tarde as súas portas logo de recibir máis de 4.000 visitas
O público prefire o comercio local para organizar os seus eventos e para preparar a chegada dos seus bebés
Logo dun fin de semana intenso ateigado de actividade, Expourense pecha esta tarde as portas da triple cita organizada para toda a familia: Celebra, Bebega e Antiq Auria. En total, máis de 100 expositores que presentaron os seus produtos e servizos especializados e que atraeron a máis de 4.000 visitas sendo a tarde deste domingo a que concentrou maior número de público. Polo que respecta a Celebra e a Bebega, queda patente que o público prefire o comercio local e o trato persoal de “ti a ti” á hora de organizar os seus eventos familiares e tamén no momento de preparar a chegada de novos membros á familia.
A 19ª edición da feira definiuse por un marcado carácter creativo impulsado por emprendedores da provincia de Ourense, non só en moda nupcial e de festa, senon en todo o que rodea a organización dun evento. As dúas pasarelas Celebra, presentadas pola cantante Lucía Pérez e polo director da Axencia Luena, Manu Varela, congregaron centos de asistentes interesados en coñecer as novas liñas das firmas colaboradoras que presentaron deseños de coleccións de fabricación propia, acompañados por estilismos internacionais en perruquería e maquillaxe así como as novas tendencias en arranxos florais e xoiaría fabricada en Ourense e a medida. Lucía Pérez cantou varias cancións en directo durante esta pasarela na que tamén acutou a cantante galega Sabela.
As variadas novidades que se puideron observar na pasarela para a vindeira temporada en moda nupcial de vestidos de noiva foron o emprego de tecidos coma o tul, o crepé ou o encaixe e introducindo numerosos complementos. En moda nupcial
para home presentáronse coleccións cunha gran aposta polo clasicismo e a elegancia con patronaxes perfectos feitos a medida co azul como gran cor protagonista.
No referente aos eventos, os profesionais desta edición coinciden en que algún dos elementos máis demandados está sendo a instalación de mesas doces, os fotomatóns ou as grandes iniciais dos protagonistas, de madeira ou luminosas. As parellas e familias visitaron o salón para planificar o seu evento pero, sobre todo, na busca de ideas para ser orixinais e diferenciarse pero sen ter que pagar máis por elo.
A personalización, a creatividade e o deseño marcaron os produtos que ofrecían tanto os expositores de Celebra como os de Bebega, sendo moitas as familias que sairon do recinto de Expourense cunha bolsa de carriño, un coxín ou un boneco de peluche personalizado co nome do futuro bebé.
O sorteo dun cheque de 700 euros achegado por Expourense e por varias empresas colaboradoras de Celebra suscitou moito interese e á última hora de hoxe, cando se realizou o sorteo, recolléranse xa máis de 200 cupóns participantes. A gañadora foi Tania Múñoz de Ourense.
Bebega
Bebega axudou ás familias a preparar a chegada do novo membro da familia. Esta segunda edición serviu, sobre todo, de escaparate para que os visitantes puideran coñecer de primeira man a oferta de empresas e comercio ourensáns de moda e puericultura que en moitos casos están a fabricar na propia provincia, ou se trata de exclusivas que se comercializan en Galicia chegadas das últimas feiras europeas. Os visitantes tamén puideron observar un escolma de productos e servizos orientado ao benestar do recén nado: interiorismo, desenvolvemento intelectual, seguridade viaria, atención sociosanitaria, ioga, body painting, etc. Ademáis, os expositores realizaron entre os visitantes numerosos descontos e sorteos de packs para bebés.
Nesta última xornada os papás e as mamás que se achegaron ata o recinto puideron asistir a unha conferencia sobre preparación ao parto impartida pola Asociación Galega de Matronas coa finalidade de motivar, educar e tranquilizar ás futuras nais.