A Xunta, Adolfo Dominguez e Meifus fabricarán 15000 pantallas de proteción
Destaca o compromiso e a responsabilidade social do tecido empresarial galego ante a actual situación de emerxencia sanitaria
A iniciativa empregará máis de 10.000 perchas de madeira obsoletas que cede Adolfo Domínguez ao CIS Madeira. Esas perchas tritúranse e mestúranse con propileno (plástico), e dese material, coa colaboración da empresa Meifus Industrial, fabricaranse as viseras protectoras homologadas de acordo aos criterios do Ministerio de Sanidade. O material cedido vai permitir fabricar 15.000 pantallas protectoras que van ser doadas ao Sergas e a entidades sociais.
Tal e como sinalou Conde, este proxecto demostra que a industria galega, a pesar do difícil momento que atravesa, está actuando desde o compromiso e a responsabilidade social, amosando unha vez máis a súa capacidade de adaptación. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria apuntou que se trata dunha alianza estratéxica entre centros de innovación, empresas e Administración para dar resposta á crise sanitaria, e un exemplo de economía circular e de I+D+i solidario que amosa como coa valorización de recursos naturais se pode obter un produto de alto valor engadido.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria apuntou que o deber da Administración é incentivar a resposta solidaria do tecido empresarial, axudando a aquelas empresas que estean readaptando as súas infraestruturas para fabricar material sanitario e de protección fronte ao COVID-19. Para iso, hoxe convócase no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova liña de axudas de 2,5 millóns de euros, que contempla apoios de ata 100.000 euros para cubrir o 75% dos gastos ou investimentos.
Conde apuntou tamén que son moitas as pemes e autónomos aos que lle está resultando difícil adquirir os medios de protección necesarios, e lembrou que para cubrir esta demanda, a Xunta vai subministrar máscaras e guantes a prezo de custo ás empresas e os autónomos que o soliciten.
Clúster do granito
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo tamén hoxe un encontro con representantes do Clúster do Granito, dentro da rolda de reunións co tecido produtivo coincidindo coa reactivación da actividade empresarial.
Entre outros asuntos, abordouse a Guía de Recomendacións Preventivas de Saúde Laboral ante o coronavirus elaborada polo Issga, que conta cunha versión específica para a industria extractiva e que recolle recomendacións básicas que deben ter en conta as empresas, centradas en aspectos como os desprazamentos, a utilización dos equipos de protección, a organización do persoal e as distancias de seguridade ou a reciclaxe de residuos.