Cultura

A Xunta apoia o Festival Internacional Pórtico do Paraiso

A décimo terceira entrega do evento, dedicado á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos singulares, desenvolverase do 6 ao 15 de marzo con dous concertos na Ribeira Sacra lucense, ademais de en Ourense e no Carballiño

Óscar Gómez

Ourense |

Presentación da XIII edición do Portico do Paraiso | Xunta de Galicia

A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso adiantou o cartel da súa décimo terceira edición, que terá lugar do 6 ao 15 de marzo e para a que conta coa colaboración da Xunta de Galicia. O festival, dedicado á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos singulares, esténdese por vez primeira fóra da provincia de Ourense, para ofrecer na Ribeira Sacra lucense dous dos cinco concertos programados este ano.

O representante da Xunta destacou a traxectoria de descentralización seguida polo evento, que en primeiro lugar se estendeu desde a cidade de Ourense a outros puntos da provincia e agora dá o salto á de Lugo. “Desde a Consellería de Cultura e Turismo, vemos esta descentralización do festival e a súa apertura a unha contorna natural e patrimonial de tanta riqueza como é a Ribeira Sacra lucense como un gran valor engadido a un evento que xa conta co aval do público e con recoñecementos tan destacados como o selo de calidade EFFE Label, que se concedeu a Asociación de Festivais Europeos”, sinalou.

Concerto inaugural

En palabras de Sutil, Pórtico do Paraíso ten xa consolidado un importante papel como plataforma de difusión da música culta entre o noso público a través de propostas tanto de intérpretes galegos como do resto de España e do panorama internacional. Así por exemplo, no cartel deste ano, o concerto inaugural correrá a cargo da Escolanía de Segovia o 6 de marzo no Templo da Vera Cruz do Carballiño.

O festival inclúe, así mesmo, as actuacións do arpista británico Andrew Lawrence King o día 7 na igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao), do violinista galego José Manuel Álvarez o día 8 na igrexa do Santo Anxo de Ourense, do Kosmos Emsemble do Reino unido o día 13 na igrexa de Santa María da Régoa de Monforte de Lemos e do guitarrista arxentino Víctor Villadangos o 15 de marzo no Liceo de Ourense. Este último será, ademais, o encargado de impartir o curso de interpretación que se desenvolverá do 11 ao 13 de marzo no Conservatorio Profesional de Música de Ourense.