A Xunta convoca as axudas para impulsar a creación de emprego e a conciliación dos autónomos
Entre as iniciativas activadas inclúese a posta en marcha por primeira vez do Bono Nova Oportunidade e o Bono Renova, e pensados para facilitar a recuperación de iniciativas e a transmisión xeracional de negocios
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo unha reunión co presidente da Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense (AEPA), David Martínez. Durante este encontro, aproveitou para informarlle das convocatorias de axudas para autónomos publicadas hoxe mesmo no DOG.
Deste modo, a Xunta mantén o seu compromiso cos traballadores de Galicia e vén de abrir novas convocatorias de axudas valoradas en 24,5M€ para impulsar a creación de emprego autónomo e contribuír a que os traballadores por conta propia consoliden os seus negocios, faciliten a creación de novo emprego e concilien a vida familiar e laboral. En total, agárdase beneficiar a máis de 7000 autónomos e traballadores e preto de 545 empresas, ofrecendo un apoio integral a este colectivo central na economía galega.
Entre as iniciativas que se poñen en marcha por primeira vez destaca o Bono Nova Oportunidade, que conta cun orzamento dun millón de euros, e que permite aos autónomos recuperar iniciativas que non lograron saír adiante para continuar co emprendemento. Tamén se engade o Bono Renova, igualmente dotado cun millón de euros, que facilita a transmisión xeracional dos negocios. A isto hai que sumar o acordo de colaboración coa Fundación Ronsel cifrado en 250.000 euros, que permitirá desenvolver un proxecto piloto para mentoring de autónomos.
Deste xeito, o Bono Nova Oportunidade está destinado a persoas que estiveron dadas de alta como traballadores por conta propia, cesaron na súa actividade e recuperan un
negocio. Concederanse 6000 euros para apoiar o emprendemento, por unha banda, e ata 6000 para formación e asesoramento, pola outra.
Por outra banda, o Bono Renova está concibido para o traspaso de negocios e o impulso á transmisión xeracional. Isto inclúe axudas tanto para a persoa que detivo a súa actividade, con apoios por 5000 euros, como para o emprendedor que a retoma, con apoios de asesoramento, formación, inicio de actividade e creación de emprego por un máximo de 29.000 euros.
A convocatoria con maiores recursos é a destinada ás axudas ao impulso do emprego autónomo e a consolidación do existente, con en 13,6M€, que prevé beneficiar a 4000 autónomos e 125 empresas. Para promover a creación de novas iniciativas empresariais, inclúense incentivos de 2000 euros para fomentar o inicio da actividade de autónomos, cunha contía duplicada ata os 4000 euros para os menores de 30 anos, os parados de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
Esta mesma convocatoria recolle, así mesmo, axudas para que os autónomos poidan contratar indefinidamente a traballadores. Isto significa que a primeira persoa traballadora indefinida poderá contar con axudas desde os 4000 ata os 6500 euros, no caso dos parados de longa duración e persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión social. Para sumar a unha segunda ou terceira persoa traballadora indefinida, a axuda iría desde os 6500 ata un máximo de 9000 euros; isto inclúe, como novidade, o incremento da intensidade das axudas grazas a un novo bono formativo de 4000 euros por persoa contratada.
Tanto nas axudas para autónomos dados de alta como para os que ofrecen contratacións, o importe das axudas aumenta nun 25% nos seguintes casos: se a persoa incorporada é unha muller, se se trata dun emigrante retornado, unha persoa maior de 45 anos ou se o centro de traballo está situado nun concello rural. Deste xeito, os apoios poden ascender ata os 9000 euros para as persoas traballadoras por conta propia que comecen a súa actividade e, no caso das contratacións indefinidas, cunha contía máxima de 20.250 euros.
Axudas para a conciliación
A Xunta ofrece igualmente axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que unha vez finalizada o seu período de descanso por nacemento contraten a unha persoa para ampliar a súa conciliación da vida familiar e laboral.
Estas inclúen dous bonos: o Bono Concilia, que permitirá ao autónomo a contratación dun novo empregado por un ano unha vez rematado o seu período de descanso por nacemento, e que contará con apoios de 500 euros mensuais, cun importe máximo de
6000; e un bono que cubrirá o 75% dos servizos da escola infantil ata un máximo de 3000 euros, sempre e cando sexan beneficiarios do Bono Concilia.
Ademais das medidas no ámbito da conciliación, destinaranse 2,6 millóns para o programa encamiñado a apoiar a consolidación de pequenas empresas de nova creación e ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica.
Ao Bono Autónomo destínanse 5 millóns de euros, un millón máis que na convocatoria anterior, para mellorar a consolidación de emprendedores con máis de 42 meses de traxectoria profesional. Inclúe dúas liñas de axuda: unha destinada á mellora da competitividade grazas a diferentes servizo; e outra para investimentos, cun apoio de ata o 80% do proxecto en desenvolvemento e cun tope de 3000 euros por beneficiario.
Igualmente, actívase unha convocatoria dotada con 200.000 euros para ofrecer respaldo ao movemento asociativo das persoas traballadoras por conta propia, con apoios de ata 55.000 euros por cada entidade.
Todas estas medidas forman parte da Estratexia do Autónomo 2020, grazas á cal a Xunta ofrece un apoio integral a un colectivo que representa a un de cada cinco traballadores galegos. Galicia é a Comunidade con maior peso do colectivo de autónomos no total de afiliacións, ademais de ser un referente na consolidación deste tipo de emprego: o 73,9% dos autónomos leva máis de 3 anos traballando, 6 puntos por riba da media estatal (67,9%).