Turismo

A Xunta impulsa o turismo rural en Ribadavia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, salientou hoxe o investimento de máis de 150.000 euros para impulsar o turismo rural no concello de Ribadavia

Óscar Gómez

Ourense | (Publicado 30.01.2020 08:09 )

Román Rodriguez visita Ribadavia | Xunta de galicia

Esta actuación permitiu renovar a pavimentación do camiño principal deste núcleo e a rede de abastecemento, así como repoñer as reixas de entradas ás casas. O responsable de Cultura e Turismo do Goberno galego destacou a importancia de acometer este tipo de actuacións para impulsar o turismo rural en núcleos como Ribadavia, onde este sector supón un importante estímulo económico que axuda a crear emprego e fixar poboación.

Neste sentido, lembrou que o Goberno galego investiu máis de 65.000 en accións de impulso ao turismo neste municipio no último ano, entre os que se inclúen accións como a recuperación e posta en valor do Parque Robla, a promoción da festa da Istoria e a feira do Viño do Ribeiro –declaradas de Interese Turístico Nacional e de Interese Turístico Galego, respectivamente– ou financiamento para contratar persoal da oficina de turismo da localidade.

Subliñou tamén outras actuacións neste eido como a sinatura dun convenio para a realización de actividades de promoción e información turística do xeodestino O Ribeiro e, no eido cultural, resaltou o investimento de 60.000 euros para a rehabilitación e mellora da Casa da Cultura de Ribadavia.

Román Rodriguez visita Ribadavia | Xunta de galicia

Aposta por un turismo sustentable

As actuacións no núcleo rural de Sanín, froito dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Concello de Ribadavia, enmárcanse nos obxectivos da Estratexia do Turismo de Galicia 2020, que busca consolidar a nosa Comunidade como un destino competitivo baseado en principios como a calidade e a sustentabilidade. Con esta finalidade, o Goberno galego busca potenciar elementos como o patrimonio material e inmaterial de cada zona, a súa cultura e os valores que diferencian e vertebran as distintas zonas do territorio, fomentando experiencias turísticas propias e singulares.