A Xunta pondrá 421.000 M2 en favor do Polígono de San Cibrao das Viñas
O titular da Xunta precisa que 80.000 m2 xa están urbanizados e se poderían poñer á disposición das empresas de xeito inmediato
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que a Xunta proporá ao parque Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnopole) poñer á disposición 421.000 m2 en favor do polígono de San Cibrao das Viñas para consolidar, aseverou, o seu liderado como un dos maiores parques empresariais da Comunidade e dar resposta a unha demanda industrial desta área e de toda a provincia de Ourense.
Tras manter un encontro solicitado pola Asociación de Empresarios do Polígono, Feijóo incidiu en que con este proxecto o Goberno galego dará resposta a unha das demandas prioritarias que tanto o polígono como o Concello veñen expoñendo.
“Plantexaremos ao Consello de Administración do Parque Tecnolóxico esta proposta para agrupar e ampliar a superficie industrial do polígono”, dixo, asegurando que, de obter o respaldo, a Xunta conta nos orzamentos de 2020 cunha partida específica para este proxecto. “Temos que facer os estudos urbanísticos, o proxecto do plan sectorial, o proxecto de urbanización” explicou, co obxectivo de, unha vez obtido o visto e prace, licitar a urbanización dos 421.000 m2 a finais do vindeiro ano.
Logo de precisar que 80.000 m2 xa están urbanizados e se poderían poñer á disposición das empresas de xeito inmediato, Feijóo destacou a determinación de que o prezo do solo teña unha rebaixa do 50% e, para as empresas que prefiran, en vez de comprar,
constituír un dereito real de superficie, o prezo estará aproximadamente en 1 €/m2 ano. “Ese custo formará parte do prezo no caso de que a empresa, nun período de 10 anos, decida comprar a parcela”, matizou.
O presidente do Goberno galego subliñou tras o encontro que a Asociación de Empresarios do Polígono se interesou tamén por outros asuntos relevantes para a comarca, como as obras de conexión do polígono coa autovía A-52.
Sobre este punto, confirmou que a finalización da conexión está presupostada nos orzamentos do ano que vén, cun investimento de máis de 7 M€. ”O 60% da obra está en plena execución, de xeito que se cumprirá o comprometido: a finalización da conexión entre o polígono e a autovía Rías Baixas no verán do vindeiro ano”, confirmou.
“Coa finalización da vía, coa ampliación de 421.000 m2, mantendo o parque tecnolóxico e traballando xa na construción dun novo polígono en Paderne de Allariz faremos unha gran bolsa de solo industrial nesta área, para servir a toda a provincia de Ourense e dar resposta ás inquedanzas do Polígono de San Cibrao das Viñas”, concluíu, incidindo en que o obxectivo é dar resposta á solicitude formulada para consolidar o liderado deste polígono e “poder depositar aquí futuro, empresas, emprego, industria e actividade económica”.