A Xunta porá a nova estación de Autobuses a disposición dos veciños no vindeiro verán
O edificio da terminal de autobuses contará cos servizos de venda de billetes, consigna, oficinas, aseos, ademais de 13 dársenas de operación e outras 3 dársenas de regulación
Vázquez Mourelle destacou que esta infraestrutura irá acompasada do novo aparcadoiro subterráneo que executa ADIF, unhas actuacións que supoñen un investimento global de preto de 11 millóns de euros, dos cales case 9 son achegados desde a Xunta. Salientou que o Executivo autonómico está a traballar para que esta nova estación de autobuses intermodal estea dispoñible no Xacobeo e permita converter a Ourense nun importante nó de comunicación ferroviarias en Galicia.
Neste sentido, indicou que o Goberno galego agarda que o Ministerio de Fomento tamén avance no cronograma para a reforma da estación ferroviaria, a integración urbana e a conexión cos barrios da Ponte e do Vinteún, así como no cumprimento dos compromisos para a chegada do AVE que Ourense e Galicia agardan. Lembrou que a Xunta retomou hai unhas semanas as obras da nova estación de autobuses intermodal, logo de que fose liberada a praia de vías por parte do Adif, que ocupaban parte do espazo no que se asentará a terminal.
Precisou que os traballos avanzan logo de acordar a mellor maneira de simultanear os traballos da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo que está a executar Adif, para manter o máximo número de prazas posibles de aparcamento para os usuarios mentres se realizan as actuacións. Explicou que na actualidade se están a levar a cabo os traballos de escavación e movemento de terras e unha vez rematados, se acometerán as cimentacións e a construción da estrutura do edificio da estación. Engadiu que tamén se cimentarán parte das dársenas, deixando libres unhas 85 prazas de aparcadoiro. Concretou que se prevé que na próxima primavera estea finalizada a estrutura do edificio da terminal de autobuses, máis de 700 m² para albergar servizos de venda de billetes, consigna, oficinas, aseos, ademais de 13 dársenas de operación e outras 3 de regulación.
A partir de aí, sinalou que continuará a execución da 1ª metade das dársenas, o que permitirá deixar en servizo unhas 50 prazas de aparcadoiro. Despois executarase a outra metade das dársenas e a estrutura de cubrición, quedando liberado todo o espazo para a urbanización, e xa sen prazas de aparcadoiro nesta zona. Nesas datas, está previsto que Adif teña xa adiantado ese aparcadoiro subterráneo de 300 prazas que está executando e que financia maioritariamente a Xunta. A responsable de Infraestruturas fixo fincapé na aposta conxunta das tres administracións pola integración estética e funcional das terminais de tren e autobús de cara a facilitar o uso do transporte público e facer cidade.