A Xunta reanuda as obras da estación intermodal de Ourense
A Xunta mantén o obxectivo de rematar as obras da nova estación de autobuses intermodal de Ourense o vindeiro verán
A Xunta de Galicia reiniciou hoxe, coas necesarias medidas de prevención establecidas, as obras de construción da estación de autobuses intermodal de Ourense, que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar e que permaneceron paralizadas durante as últimas dúas semanas. Continúa así a execución das obras da estación de autobuses intermodal do barrio da Ponte, onde xa é visible a estrutura do novo edificio.
A Xunta mantén o obxectivo de rematar as obras da nova estación de autobuses intermodal de Ourense o vindeiro verán. A nova terminal de autobuses contará con 13 dársenas de operación e 3 de regulación e cun edificio de máis de 700 m² construídos para albergar os diferentes servizos.
A Xunta ademais de construír e financiar a terminal de autobuses, achega o financiamento maioritario para o aparcadoiro subterráneo de 300 prazas que executa Adif, que dará servizo ao barrio, ademais de á estación, de forma que a achega autonómica global ao proxecto da intermodal de Ourense é de 9 millóns de euros. As obras deste aparcadoiro subterráneo tamén se retomaron no día de hoxe.
Ambos os dous elementos forman a 1ª fase do proxecto da estación intermodal de Ourense, que se comprometeron a impulsar conxuntamente a Xunta, o Ministerio de Transportes e o Concello.
Proxecto demolición do edificio da actual estación de autobuses
Paralelamente, a Xunta está a traballar na próxima licitación da demolición da actual estación de autobuses de Ourense, cuxo proxecto está xa aprobado. Esta actuación que desenvolverá a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade suporá un investimento autonómico de 650.000 euros, tendo en conta a necesidade de repoñer servizos afectados.
As obras, para as que o proxecto fixa un prazo de execución de 4 meses, darán comezo unha vez que se remate a construción da nova estación de autobuses intermodal que a Xunta está a construír no barrio da Ponte, ao carón da terminal ferroviaria, e cando se traslade alí a súa actividade.
Con esa demolición búscase evitar a degradación dun edificio sen uso e facilitar que o espazo desocupado se destine á construción dunha nova residencia da terceira idade.