Ourense Industrial

A Xunta súmase á iniciativa ‘Ourense Industrial'

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, formará parte da mesa de traballo integrada por administracións e os empresarios para traballar conxuntamente polo futuro deste parque empresarial

Óscar Gómez

Ourense |

Xuntanza Asociación Poligono | Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia súmase á iniciativa Ourense Industrial promovida pola Asociación de empresarios do Polígono de San Cibrao co obxectivo de seguir traballando de xeito conxunto para reforzar a competitividade empresarial. A delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, formará parte desta mesa de traballo. Así llo ven de comunicar Díaz Mouteira ao presidente do colectivo, José Antonio Rodríguez Araújo, dando resposta á invitación cursada polos empresarios, que pretenden converter esta mesa nun espazo de confluencia entre as administracións e os empresarios para traballar conxuntamente polo futuro do Polígono.

Díaz Mouteira enmarcou esta presenza dentro da aposta decidida do Goberno galego por mellorar e potenciar esta zona industrial, creada hai 54 anos e que actualmente é a máis grande en extensión de Galicia e representa, con máis de 300 compañías integradas, máis da metade dos postos de traballo do sector industrial ourensán.

A delegada territorial da Xunta exemplificou este compromiso coas obras do enlace coa A-52, que se atopan ao 70% de execución, coa ampliación do Polígono anunciada no pasado mes de outubro polo presidente da Xunta ou co incremento das liñas de autobús e as frecuencias incluídas no plan de transporte co fin de converter este parque empresarial en polo de atracción de novos investimentos na provincia de Ourense e de toda Galicia.

A mesa Ourense Industrial estará integrada pola Xunta, a través da Delegación Territorial de Ourense; o Estado, a través da Subdelegación do Goberno; a Deputación, os concellos de San Cibrao das Viñas, Ourense, Taboadela, Paderne de Allariz e O Pereiro de Aguiar e os polígonos San Cibrao, Barreiros e Pereiro.