Cántamo… en galego!

Catuxa Salom publica ‘Cāldo’, o seu primeiro LP

A artista galego-arxentina presenta un álbum “para facer bailar”, no que os instrumentos de raíz, os coidados e a natureza se mesturan con música electrónica, afrobeat ou reggaetón.

Susana Pedreira

Pontevedra |

Este outono Catuxa Salom presenta Cāldo, un disco conceptual que reflicte o duro espertar ao se decatar de que a vida no campo está lonxe da idealización bucólica que semellaba. O traballo discográfico, cheo de emocións profundas, e con cancións moito máis maduras e crúas, pon en valor o papel dos coidados e da amizade como rede fundamental de apoio.

Cāldo mergúllanos nun universo sonoro único e ecléctico no que Catuxa Salom fusiona as súas raíces indíxenas arxentinas coas galegas. O LP componse de nove pezas que nacen nun lugar concreto -a comarca da Ulloa-, pero nas que a creadora aborda cuestións universais, coma o amor propio ou a liberdade, xoga con cuestións simbólicas e até inclúe versos en francés. Instrumentos como o bombo legüero, a guitarra, o charango, a pandeireta, a voz ou o sintetizador dilúense nunha proposta rica e particular, que recolle ritmos como a muiñeira, o afrobeat, o drum and bass ou o dembow (reggaeton), e que representa á perfección o universo sonoro de Catuxa Salom: enérxico e diverso, que agroma da terra e que crece para chegar todas partes. Puro baile.