#GraciasHemato

“Queremos a quen nos fai rir e a quen nos explica a vida coa profundidade da lixeireza”

Susana Pedreira recupera a voz de El Hematocrítico para homenaxealo neste día triste tras coñecer o seu repentino falecemento. Así comezamos o programa de hoxe, lembrando a pegada de Miguel López en twitter, no cole, na literatura infantil e xuvenil e na nosa radio.

Redacción

Pontevedra | 28.11.2023 14:27

Hai perdas que eclipsan todo o demais, hai mortes inesperadas que eclipsan o resto das preocupacións do día porque a nosa cabeza xa só dedica o tempo a intentar entender o inesperado que xa é ausencia. Como entender a ausencia é algo ao que todas e todos nos enfrontamos, antes ou despois, e cando temos noticia do falecemento dalguén moi coñecido e querido... volvemos a ese shock do inesperado, do que nos parece imposible. A estas alturas imaxino que moitos de vostedes saben da morte de Miguel López, El Hematocrítico, profesor, escrito de LIX, tuitero e persoa moi moi querida por moitas persoas que levan desde a pasada noite compartindo a pena pola perda dun home 47 anos que fixo do humor unha bandeira. Amigo do Salón do Libro de Pontevedra, habitual das súas actividades e do congreso de mediación lectora, pai de dúas nenas, compañeiro de vida de Ledicia Costas, escritora respectada e querida por pequenos e maiores. Queremos a quen nos fai rir e a quen nos explica a vida coa profundidade da lixeireza, por iso hoxe, como di Ledicia o mundo é un lugar tristísimo. #GraciasHemato