Teatro Principal de Pontevedra

O 14 e 15 de marzo volven “As mulleres que Opinan son Perigosas”

María Escario, Raquel Martos, Anna Bosch ou Noelia Adánez, son algunhas das xornalistas que forman parte do cartel desta oitava edición.

Susana Pedreira

Pontevedra |

As organizadoras, Diana López Varela e Susana Pedreira Buján cos representantes políticos da Deputación e Concello de Pontevedra
O 14 e 15 de marzo volven “As mulleres que Opinan son Perigosas” | Deputación de Pontevedra - jphilippot

Este 14 e 15 de marzo de 2025 volven as #MulleresQueOpinan ao Teatro Principal de Pontevedra. Chega á oitava edición sendo un foro xa consolidado e premiado pola Delegación do Goberno nos Recoñecementos Meninas de Galicia 2024, cos que a Administración distingue o traballo de persoas e entidades galegas na loita contra a violencia machista.

As organizadoras, Diana López Varela e Susana Pedreira Buján, explicaron que nesta nova edición o obxectivo é poñer o xornalismo no centro para reivindicar o papel fundamental que, nestes tempos de desinformación e sobreinformación, teñen os medios de comunicación e as profesionais que exercen este oficio en prensa, radio e televisión. O xornalismo de investigación para destapar casos de violencia sexual e a información internacional terán un especial protagonismo nos relatorios deste 2025. “Queremos coñecer as dificultades destas especialidades dentro do xornalismo e a importancia desa información perigosa”, subliñou López Varela.

Nesta oitava edición participarán un total de quince profesionais de diferentes perfís e o foro chegará así a cen profesionais do xornalismo e da comunicación que estiveron en Pontevedra desde 2018 e forman parte da rede #MulleresQueOpinan, unha marca de referencia, compromiso e calidade no xornalismo de opinión.

O programa comezará ás 12 horas do venres 14 de marzo coa inauguración a cargo das organizadoras Susana Pedreira e Diana López para continuar ao longo de toda a xornada coas conferencias de María Piñeiro e Antía Yáñez, gañadoras do segundo Premio de Opinión #MulleresQueOpinan; de Noelia Adánez, coordinadora da sección de Opinión no diario Público; de Aida Bao Pena, xornalista da Cadena SER; de Inés Martín Rodrigo, xornalista e escritora do grupo Prensa Ibérica e RNE; e de Anna Bosch, corresponsal de TVE. Ao día seguinte continuará o programa cos relatorios de María Hermida, xornalista de La Voz de Galicia, de Macarena Baena, responsable de EFE Feminista; de Blanca Lacasa, xornalista e escritora; de Raquel Rosa, xornalista da Radio Galega; de Ana Marcos e Elena Reina, do equipo de investigación de abusos no cinema de El País; de Olga Rodríguez, xornalista especializada en dereitos humanos de Eldiario.es; e pechará esta edición a recoñecida e xa xubilada xornalista de TVE María Escario.

Apoio institucional de Deputación e Concello

O Concello e a Deputación de Pontevedra participaron na presentación da nova edición. O presidente provincial, Luis López, destacou a importancia da “palabra como a primeira pedra no camiño da igualdade” e celebrou tamén que un foro destas características, que suma oito anos de traxectoria e máis de cen poñentes, se celebre na capital da provincia. “Estamos ante un foro que podería celebrarse nalgunha das cidades máis grandes de España pero, a cambio, celébrase nunha das máis importantes: Pontevedra”, agradeceu o titular do goberno provincial.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo encomiar o labor de Diana López Varela e de Susana Pedreira, como ideólogas e coordinadoras desta cita. Tamén agradeceulle á Deputación de Pontevedra o seu apoio á hora de cofinanciar unha proposta pioneira no Estado e no país, e que a día de hoxe se sitúa como o mellor a máis importante foro da súa clase e polo que xa pasaron lendas da comunicación e do xornalismo. Lores lembrou que non é posible que o xornalismo, en especial as seccións de opinión, continúe sen ser un reflexo do que é a sociedade, onde máis da metade da poboación é feminina, porcentaxe que rara vez se albisca nas sinaturas dos artigos de opinión nas páxinas dos xornais.

Consulta o programa completo e inscríbete aquí:AS MULLERES QUE OPINAN SON PERIGOSAS