A Deputación presentou o equipo comisarial encargado da programación da Bienal de Arte de Pontevedra do 2025, con Antón Castro como comisario xeral e Antón Sobral como coordinador. Xunto con Castro e Sobral, integran tamén o comité organizador a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, e a responsable do departamento de Investigación, Agar Ledo. Baixo o lema “Volver a ser humanos… Ante a dor dos demais”, a XXXII Bienal de Arte celebrarase na cidade de Pontevedra entre o 15 de xuño e o 30 de setembro de 2025.
“A Bienal será un espazo de reflexión e de encontro, onde se discutirán e explorarán diferentes temas a través da arte”, remarcou o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, quen adiantou que a institución provincial está xa “establecendo alianzas con institucións nacionais e internacionais para enriquecer o contido da mostra e ofrecer unha programación variada e de alta calidade que a converterá no maior evento cultural celebrado en Pontevedra ata a data”. O vicepresidente recordou que a recuperación da Bienal vai en liña co obxectivo do Goberno provincial de “converter a Pontevedra nunha cidade da cultura e nun referente nacional e internacional”.