O acordo tamén recolle o cambio de titularidade a favor do concello do dominio público viario asociado á estrada. Rueda, acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, salientou que se trata “dunha das zonas urbanas máis transitadas de Galicia, nunha posición estratéxica” ao ser a vía de entrada e saída da cidade de Pontevedra e a que canaliza o tráfico do Salnés. E lembrou que a estrada atravesa unha zona na que residen “8.000 persoas” que “teñen dereito” a que “o tráfico intenso sexa compatible cunha contorna o máis humanizada e agradable posible".
Os primeiros traballos acometeranse entre a Ponte da Barca e o punto quilométrico 0+480 e terán como principais obxectivos garantir a accesibilidade, dar prioridade ao peón e fomentar hábitos saudables. En concreto, entre outras accións, reordenarase o espazo público coa renovación do firme e pavimentación de beirarrúas; crearanse aparcadoiros, zonas de carga e descarga e estacionamento para persoas con mobilidade reducida; e instalaranse zonas axardinadas e mobiliario urbano.
A estimación é que o concello licite as obras no primeiro trimestre deste ano para que poidan iniciarse en setembro. Prolongaranse durante aproximadamente un ano.
Con todo, esta non é a única actuación prevista nesta estrada. En concreto, está en execución o itinerario peonil e ciclista no treito entre Fontenla e Combarro, que logo continuará nun segundo tramo ata Chancelas e O Covelo; e está tamén licitada a renovación da capa de firme nesta e outras estradas.