Lorenzo Silva, Nativel Preciado e Javier Sierra encabezaron o cartel composto por unha trintena de firmas consagradas e de novos talentos, tanto a nivel nacional, como galego e local. A memoria de actividade e as consultas de avaliación realizadas entre o público, autores e libreiros participantes na cuarta edición de “Vilagarcía, Cidade de Libro” permiten afirmar que a cuarta edición do evento literario foi todo un éxito. Así o demostran tanto as cifras de visitantes e de ventas, como as críticas dos asistentes e as valoracións dos escritores e escritoras presentes na cita deste ano.
O Concello de Vilagarcía considera que “Cidade de Libro” é xa un evento consolidado e de referencia, que se distingue no panorama nacional polo completo e innovador formato que presenta. Esta é unha das características máis destacadas e apreciadas polas grandes firmas das letras españolas e galegas que acoden cada ano ao evento no que tamén teñen o seu espazo os talentos locais.
A maiores do obxectivo de crear cultura literaria entre a poboación e promocionar a literatura en todos os seus xéneros, o balance do evento organizado polas concellerías de Xuventude e Cultura actúa tamén como motor do sector editorial e ten un importante efecto económico ao disparar as ventas de libros. Segundo comentaron os libreiros, a facturación foi moi boa durante a mostra, pero tamén as semanas anteriores. De feito, a demanda de obras dos autores convidados notouse nas librarías dende o día no que se deu a co ñecer o cartel, e mantívose nas casetas nos seis días que estiveron abertas no Parque Miguel Hernández.
Este ano participaron cinco librarías locais, dúas editoriais e unha asociación todas as cales dispuxeron das súas propias casetas no Miguel hernández. Foron Follas Novas Arousa, Vidal, Nobel Arousa, Metrópolis Cómics Arousa, Hojas de Lorien, a asociación Mesa das Verbas e as editoriais Viento Norte e Tazalunar Books.