O Concello de Caldas de Reis vén de activar a maquinaria para contratar os traballos que permitirán mellorar de maneira integral a Carballeira e o Xardín Botánico grazas aos fondos do Plan de Recuperación e Resiliencia. O tenente de alcalde Manuel Fariña confirmou hoxe que o goberno local recibiu a notificación oficial da axuda de 1,45 millóns de euros e subliñou que o persoal técnico municipal xa está a preparar a documentación para sacar a licitación todos os contratos necesarios para que a posta en valor do “principal e máis emblemático espazo patrimonial natural da vila termal” sexa unha realidade antes de finais de 2026 .
Fariña explica que o Concello de Caldas recibiu a subvención do 100% (1.452.000 euros) do proxecto presentado baixo o nome ‘Xardín Botánico e Carballeira de Caldas de Reis. Museo aberto 24/7’. O obxectivo da actuación, explica o nacionalista, é poñer en valor o patrimonio do BIC caldense dende un punto de vista turístico, polo que se deseñarán “actuacións e iniciativas que devolvan o esplendor orixinal ao espazo, que agora é un lugar de encontro, incluíndo experiencias que poidan facer de Caldas un destino atractivo para novos tipos de visitas centradas na natureza, na sustentabilidade e no patrimonio natural e vexetal”.
A subvención está desglosada en oito partes: os fondos deberán destinarse á restauración integral do BIC, ao deseño dun proxecto turístico c unha boa musealización, á monitorización do BIC para controlar a súa saúde natural de maneira intelixente, á apertura dun centro de visitantes 24/7, ao deseño dun plan de enriquecemento da visita dende o ámbito exterior, á instalación de paneis fotovoltaicos para facer máis sustentable o espazo, á implantación dun sistema de xestión e, finalmente, tamén á posta en marcha de iniciativas de comunicación e acción social.
Os primeiros pasos administrativos unha vez notificada oficialmente a subvención serán a apertura da licitación das obra de recuperación do BIC, unha actuación que xa conta con proxecto deseñado polo enxeñeiro agrónomo e doutor en Paisaxe, director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Pedro Calaza Martínez. Estes traballos, apunta Fariña, xa poden contratarse de maneira inminente polo que dende a administración local estanse a redactar as bases do contrato de execución, que ascenderá a 810.700 euros.