24 e 25 de maio

Carlos Blanco será o pregoeiro da 31ª Festa Gastronómica do Galo de Curral de Cruces

O Concello de Vila de Cruces presenta o cartel da 31ª Festa Gastronómica do Galo de Curral, que este ano se celebrará os días 24 e 25 de maio como é habitual na Praza do Concello (Praza Juan Carlos I).

Susana Pedreira

Pontevedra |

O Concello de Vila de Cruces presenta o cartel da 31ª Festa Gastronómica do Galo de Curral, que este ano se celebrará os días 24 e 25 de maio como é habitual na Praza do Concello (Praza Juan Carlos I).
Carlos Blanco será o pregoeiro da 31ª Festa Gastronómica do Galo de Curral de Cruces | Concello de Vila de Cruces

Considerada Festa de Interese Turístico Galego, a xornada central do domingo terá a tradicional degustación do galo de curral. Ademais, a programación incluirá o Festival de Bandas de Música de Galicia e unha gran variedade de actuacións musicais ao longo da fin de semana.

O pregoeiro da festa será nesta ocasión o actor Carlos Blanco, que contaxiará o seu humor retranqueiro a todo o público presente en Cruces o domingo do Galo. Para Carlos Blanco a creación dun pregón é un proceso de cocción lenta, pero asegura que xa está a matinar nesta presentación na que tentará aportar unha visión diferente da Festa do Galo desde a súa perspectiva dunha persoa de fóra da vila. “O humor é a miña ferramenta para mirar a vida, e así darei caña ao galo de curral como o chulito da festa” –adianta esta liña creativa do seu pregón–.

Un actor vilagarcián recoñecido, ademais de presentador de radio e televisión, autor e director de espectáculos e monologuista consagrado

Carlos Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1959) é un actor e director teatral con máis de trinta anos de experiencia. Como actor, traballou nos filmes “Heroína”, de Gerardo Herrero; “Sé quien eres”, de Patricia Ferreira;
“Cargo”, de Clive Gordon; e “Una mujer Invisible” ou “Sangre en la nieve”, tamén de Gerardo Herrero; ademais dun pequeno papel en “Volver”, de Pedro Almodóvar, entre outros traballos cinematográficos. Ten pendente de estrea o filme “Rondallas”, dirixido por Daniel Sánchez Arévalo e rodado o pasado outono.

En Televisión, Carlos Blanco traballou en múltiples series. Foi protagonista de “Una bala para el rey”, dirixida por Pablo Barrera para Antena 3; co-protagonizou a histórica serie “Mareas vivas”, producida por Antón Reixa para TVG; e traballou noutras series como “Lobos”, “Os Atlánticos”, “El comisario”, “Hospital Real”, etc. Por suposto, formou parte do elenco da serie “Fariña”, producida por Bambú para Antena 3 nun papel protagónico. Actualmente, protagoniza a serie “A Coral” estreada recentemente na TVG.

Igualmente, Carlos Blanco foi tamén actor protagonista en plataformas audiovisuais nos últimos tres anos, en series multipremiadas como “O caso Asunta”, estreada por Netflix en 35 países; “Los favoritos de Midas”, tamén para Netflix xunto a Luis Tosar; e para Movistar rodou “Los reyes de la radio”, xunto a Javier Gutiérrez: ou “Los años nuevos”, dirixida por Rodrigo Sorogoyen. En Portugal rodou o pasado ano a serie “Santiago” na que traballou ata en tres idiomas diferentes (inglés, castelán e galego).

Polo seu traballo actoral, Carlos Blanco recibiu ao logo da súa traxectoria multitude de recoñecementos, como o premio de interpretación masculina no Festival de Cans (O Porriño) polo seu traballo na curta “Mal de Sangre”, de Pedro Diaz; Premio Mestre Mateo ao mellor actor secundario polo seu papel en “Heroína”; ou o Premio de Honra no Festival de Teatro do Carballiño pola súa traxectoria; entre outros.

É tamén necesario destacar o seu labor na radio durante máis de 15 anos, tanto en Radio Galicia Cadena SER, Ondas de Galicia e na Radio Galega, polo que recibiu o Premio Galicia de Xornalismo polo seu traballo no programa “Galicia en Goles”, dirixido por Xesús Lodeiro; e o Premio SERENIDADE 2023 da SER GALICIA pola súa traxectoria profesional.

Outra das súas facetas é a de autor e director creando múltiples espectáculos. Por suposto, é autor de recoñecidos e celebrados monólogos humorísticos.