Bota a andar un novo curso académico e ó momento acaído para coñecer, de primeira man, cal a situación a respecto da diversidade sexual e de xénero nos centros de ensino secundario de Pontevedra. Por iso, ao abeiro do programa municipal pola diversidade sexual Pinto e Maragota que promove a Concellería de Igualdade, se está a facer unha enquisa -voluntaria e anónima- ao alumnado e profesorado de ESO, Bacharelato e Formación profesional co fin de ter unha panorámica actualizada sobre a diversidade nas aulas e para axudar a reflexionar sobre a realidade da mocidade pontevedresa en relación ao colectivo LGTBIQA+ . Ë a segunda sondaxe que se fai, a primeira foi realizada no ano 2019, o que permitirá trazar unha comparativa que amose a evolución das vivencias e percepcións do colectivo, dos prexuízos superados e dos que persisten, do grado de seguridade e convivencia no que habitan. A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, subliñou na presentación da enquisa que “un dos compromisos prioritarios deste mandato é o compromiso pola igualdade, polo respecto á diversidade” e neste tempo “puxemos sobre a mesa debates, reflexións e actividades que axudan a construír cidades e sociedades mellores.”. Pero, advertiu, “nesta tarefa temos que ser rigorosos e responsables fronte a tanta des-información e fronte as/os que se resisten a avanzar nunha sociedade diversa e igual”. Son variadas e mantidas no tempos as iniciativas promovidas pola Concellería de Igualdade a prol da diversidade sexual e de xénero: obradoiros escolares sobre diversidade, vermús tortilleiros, a programación do Orgullo ou o CIDES (Centro de información en diversidade e sexualidade) “ao que lle imos dar un novo pulo”, anunciou Anabel Gulías.
A consulta dirixida á comunidade educativa, na que hai preguntas dirixidas ao estudantado LGTBIQA+ do tipo: están dentro ou fóra do armario, se foron discriminados ou foron vítimas de agresión físicas ou verbais pola súa orientación sexual ou identidade de xénero, se sufriron acoso a través das redes sociais, se recibiron apoio dos compañeiros/as e docentes fronte a este tipo de violencia… A sondaxe busca tamén medir o coñecemento e percepción que ten o conxunto do alumnado sobre a diversidade; saber se coñecen o que significan todas as letras que identifican ao colectivo; se saben, foron testemuñas ou mesmo participaron en agresións diverso-fóbicas; se algunha vez tiveron formación sobre diversidade de sexo e xénero ou cren que deberían tela; se existen grupos de apoio LGTBI no seu centro; se a diversidade está presente nas súas materias ou nos libros que len, se houbo actividades sobre o tema no seus institutos, etc. Porén o debuxo non estaría completo sen a participación do profesorado, do que se pretende saber que opina sobre a diversidade, se hai docentes formados respecto ao tema, se o profesorado LGTBI está dentro ou fóra do armario, etc. A escasa participación dos docentes na enquisa anterior -apenas o 4% dos que responderon- preocupou daquela e agárdase con expectación á resposta deste ano. Os resultados desta enquisa -que se desenvolverá ata a primeira semana de outubro- serán cotexados cos obtidos fai cinco anos nunha consulta similar, aínda que agora incorpóranse preguntas sobre cuestións que non estaban tan presentes no 2019 como: a realidade asexual e as súas variantes; a intersexualidade ou o papel das redes sociais. A análise dos resultados da consulta permitirán coñecer ata que punto e de que modo a diversidade sexual forma parte da cotiandade normalizada do alumnado ou se pola contra é unha escusa para xerar un discurso de odio e fomentar a diverso-fobia. Cinco anos é un lapso de tempo suficientemente amplo para apreciar a evolución da percepción da diversidade, a súa normalización ou retroceso en dereitos e liberdades. Unha diagnose que servirá tamén para promover accións de concienciación, visibilización e formación e deseñar estratexias para atallar as condutas discriminatorias e as violencias ligadas á diversidade.