O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de TIC, Diego Moreira, presentaron esta mañá a nova páxina web do Concello de Soutomaior, que xa está activa e lista para o uso dos veciños e veciñas do concello. Trátase da unión e mellora das dúas páxinas existentes ata o de agora, unha situación que provocaba molestias e perdas de tempo entre a veciñanza, xa que tiñan que desprazarse dunha a outra páxina segundo o trámite que quixesen realizar.
Así, esta web unifica os diferentes soportes e servizos de maneira estruturada e ordenada. Con esta ferramenta, todas as áreas e servizos optimizan as súas posibilidades para facilitar as xestións da veciñanza no día a día á hora de realizar trámites administrativos e consultar as novidades do concello, entre outros aspectos. Deste xeito, o acceso á sede electrónica ou á Axenda Municipal simplifícase sobremaneira, evitando que os veciños e veciñas teñan que achegarse en moitas ocasións ás dependencias municipais para consultar dúbidas.
A nova web, que mantén o dominio soutomaior.gal, aposta pola limpeza estética, a modernización, a intuitividade e a axilidade. O principal criterio marcado polo Goberno de Soutomaior á hora de deseñar esta nova páxina múnicipal era o de priorizar a funcionalidade e utilidade sobre outros usos como pode ser o propagandístico, aspecto que esta web cumpre con creces.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “con esta nova páxina web municipal ampliamos as posibilidades das anteriores webs. É un salto cuantitativo e cualitativo á hora de facilitar as xestións e permitir, a través de diferentes ferramentas dixitais, intercambiar, participar e comunicarse directamente coa veciñanza. Esta nova web vai facilitar a o día a día aos veciños e veciñas e vai supoñer unha importante descarga de traballo para o funcionariado municipal, permitindo que poida dedicar máis tempo e esforzos a construír un Soutomaior mellor para todos e todas nós”.