Rede Galega pola Igualdade

Concentración en apoio á nai de Marín separada da súa filla de dez anos

A Rede Galega pola Igualdade, en colaboración do Colectivo Feminista de Pontevedra, convoca á cidadanía este venres 10 de maio ás 18 horas no Punto de Encontro Familiar.

Susana Pedreira

Pontevedra |

Concentración en apoio á nai separada da súa filla de 10 anos de Marín
Concentración en apoio á nai separada da súa filla de 10 anos de Marín | Cedida dende a Rede Galega pola Igualdade (REGAI) e coa colaboración do Colectivo Feminista de Pontevedra (CFP)

Dende a Rede Galega pola Igualdade (REGAI) e coa colaboración do Colectivo Feminista de Pontevedra (CFP), convocan unha concentración en apoio á nai e á nena de 10 anos de Marín que “foron separadas inxustamente por mor dun proceso de separación e custodia que acabou coa nena nun centro de Menores tutelado pola Xunta de Galicia, impedindo calquera comunicación entre nai e filla durante máis de 60 días”. Piden á cidadanía que se una o venres día 10 de maio ás 18 horas diante do Punto de Encontro Familiar de Pontevedra (PEF) na Avenida de Vigo número 16, para reclamar ás institucións correspondentes:

- Que esta nena e esta nai poidan comunicarse e reunirse canto antes para evitar prolongar unha dor emocional moi intensa e danar aínda máis o vínculo de apego entre ambas.

- Que Menores emita un informe á maior brevidade posible sobre o estado da nena, así como a evolución do tratamento recibido, tal como estaba contemplado no Auto de Medidas Cautelares a partir das tres semanas de internamento da pequena. A nai ten dereito a recibir información sobre á súa filla.

- A aplicación de perspectiva de xénero e de infancia na emisión dos informes do Punto de Encontro de Pontevedra e do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), así como nas resolucións xudiciais, para evitar decisións excepcionais que en nada benefician á nena e que máis ben responden a un castigo cara á nai. Recordamos que se está deixando completamente desprotexida a unha menor que foi illada de todo o seu entorno coñecido, familia e colexio incluídos, sen atoparse en situación de desamparo.

- Que o dano psicolóxico cese xa e que se teña en conta o interese superior da nena que está sendo fondamente revictimizada polas institucións que a teñen que protexer.