25N Día Contra a Violencia Machista

A Deputación de Pontevedra une voces da sociedade da provincia neste 25N para “romper o silencio”

O presidente Luis López abriu un acto no que a xuíza decana da Audiencia Provincial, Belén Rubido, foi a encargada de ler o manifesto.

Susana Pedreira

Pontevedra |

25N Día Contra a Violencia Machista
A Deputación de Pontevedra une voces da sociedade da provincia neste 25N para “romper o silencio” | Rafa Estevez-Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra conmemorou na mañá deste luns o 25 de novembro o Día Mundial para a Erradicación da Violencia sobre a Muller cun acto celebrado no vestíbulo do Pazo provincial baixo o lema “Rompe o silencio. Escoita o Cambio”. A cita contou coa participación da xuíza decana da Audiencia Provincial, Belén Rubido, que foi a encargada de ler o manifesto do organismo provincial para reivindicar esta xornada, despois de que o presidente Luis López abrira o acto cun discurso. Así mesmo. diversas personalidades de todos os ámbitos da sociedade pontevedresa tomaron parte neste día recitando fragmentos da obra poética de Carmen Quinteiro “Compracer nunca. Con pracer sempre” e na que a intérprete Sofía Espiñeira puxo a nota musical.

“Hoxe non é un día para celebrar. Mentres existan días que motiven este Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, mentres existan días nos que a unha muller se lle negue o lugar que lle corresponde, sexa discriminada ou sufra calquera tipo de maltrato ou mentres exista un só día nos que teñamos que concentrarnos diante desa porta para gardar un minuto de silencio. Mentres existan días como eses. Días tan desoladores como nos que coñecemos os asasinatos de Fadoua ou Estela. Non haberá nada que celebrar, e si moito que conmemorar, moito que lembrar e, finalmente, moito que avanzar. A este 25N tenlle que seguir un 26N, 27N ou 28N para perseguir sen descanso esa igualdade plena e real entre mulleres e homes á que toda sociedade democrática e moderna coma a nosa debe aspirar”, afirmou o presidente da Deputación, Luis López, na apertura dun acto que encheu o vestíbulo do Pazo provincial e no que tamén estiveron presentes o vicepresidente Rafa Domínguez, a deputada de Igualdade, Sandra Bastos e outros membros do goberno e da corporación provincial.

No mesmo sentido pronunciouse a xuíza Belén Rubido coa lectura do manifesto da Deputación. “Debemos saír desa crisálida de conformismo e transmutarnos nunha forma nova que mova a nosa sociedade cara a un futuro de igualdade ata que ninguén a recoñeza tal e como era”, declarou Rubido, nun discurso no que apela ao “cambio e a transformación” da sociedade e a “facernos oír para que as mulleres deixen de estar afogadas no seu silencio e poidan sentirse seguras e libres”.

Acto seguido, a poeta Carmen Quinteiro comezou unha intervención que levaba por título o lema da Deputación para este 25N: “Rompe o silencio. Escoita o cambio” e no que participou o propio presidente Luis López, así como Belén Rubido, Raúl Santamaría, María Borrás, Pepe Solla, Lucía Muradas, Rafa Cabeleira, Natalia Maquieira, Susana Pedreira, Sandra Bastos, Begoña Fernández, Sofía Espiñeira e Javier Gómez Noya, que non puido estar presente no acto deste luns. Mentres soaba a súa a voz en off, os propios protagonistas erguíanse das súas cadeiras para introducir nunha caixa —cun QR que dirixe á web da Deputación para descargar o podcast gravado polos participantes— as tarxetas coa estrofa que eles mesmos recitaron para clamar contra a violencia que sofren as mulleres e esixir igualdade e tomar asento nas escaleiras do Pazo provincial e dar por rematado o acto cunha foto de familia e unha última actuación da intérprete Sofía Espiñeira.

“Queridas amigas e amigos, acadar unha sociedade igualitaria de xeito pleno e real é unha misión global. Formular este camiño como unha loita persoal ou partidista, desviar o foco dos grandes problemas que nos afectan ou abrir fendas imaxinarias no canto de pechar ás que aínda nos separan... fan un fraco favor a unha travesía na que todas e todos, como sociedade, imos no mesmo barco. Un barco no que, estou convencido, chegaremos máis cedo que tarde a ese porto no que homes e mulleres somos realmente iguais: O día no que o 25N deixe de ser preciso.”, concluíu o presidente Luis López.