Multas de entre 80 e 3.000 €

Entra en vigor a nova ordenanza para a xestión de residuos en Pontevedra

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, defende a nova regulación municipal como outro paso adiante no coidado do planeta

Susana Pedreira

Pontevedra |

 O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, defende a nova regulación municipal como outro paso adiante no coidado do planeta
Entra en vigor a nova ordenanza para a xestión de residuos en Pontevedra | Concello de Ponteveda

A nova ordenanza de xestión de residuos de Pontevedra xa está en vigor e fixa as obrigas e dereitos de todos os usuarios e usuarias, así como da empresa concesionaria do servizo de recollida e tratamento. O novo regulamento municipal substitúe ao de 1996 e amplia o réxime sancionador con multas que van desde os 80 ata os 3.000 euros.

Lores indicou que o seu goberno quere « mellorar a recuperación e o aproveitamento dos residuos. É imprescindíbel separar en orixe, pois é así o xeito de obter recursos. O Concello de Pontevedra tomou unha serie de decisións que van nesta liña ao longo dos últimos meses». A batería de decisións que sinalou o rexedor está conformada polas seguintes: a nova ordenanza de xestión (xa en vigor), o contrato de información bidireccional (en licitación), o novo contrato de xestión, recollida e tratamento de residuos (que conta cunha oferta para a súa adxudicación), a redacción dunha nova ordenanza económica e a posta en marcha dunha campaña de concienciación e información a todos os usuarios e usuarias do servizo.

«Queremos dar un gran salto neste eido. Non coñecemos ningunha cidade que avanzase tanto conforme marca a lei e co obxectivo claro que é o de coidar este planeta. Non hai plan B. Temos o que temos e debemos coidalo e aseguralo. Fago un chamamento a todos os axentes implicados na separación e recuperación dos residuos. Non é unha cuestión municipal, é algo que nos interesa a todos e todas: coidar do noso futuro», finalizou.