Relevo na alcaldía

Jacobo Pérez xa é o novo alcalde de Caldas de Reis

Caldas remata o ano con novo alcalde, o cuarto alcalde socialista da Democracia. Jacobo Pérez Gulín tomou posesión esta mañá, nun breve Pleno, no que deu o relevo a Juan Manuel Rey despois de 18 anos.

Susana Pedreira

Pontevedra |

Caldas remata o ano con novo alcalde, o cuarto alcalde socialista da Democracia. Jacobo Pérez Gulín tomou posesión esta mañá, nun breve Pleno, no que deu o relevo a Juan Manuel Rey despois de 18 anos.
Jacobo Pérez xa é o novo alcalde de Caldas de Reis | Concello de Caldas de Reis

Pérez Gulín afirmou asumir o cargo con “orgullo e felicidade”, pero definiuna como “una felicidade serena” porque dixo ser consciente da responsabilidade que implica traballar incansablemente polo seu pobo. Adiantou na súa intervención que ponse xa a continuar cos proxectos que xa están en marcha para construír “un futuro xuntos a partir da base sólida que erixiron os meus predecesores”.

Emocionado, referiuse a quen lle entregou o bastón de mando, Juan Manuel Rey Rey, “unha persoa excepcional, non só como alcalde, senón como ser humano”. “O teu compromiso inquebrantable”, díxolle, “ao longo de 30 anos, 18 deles como alcalde, é un exemplo que nos inspira todos”.

Agradeceu a súa “xenerosidade e humildade, por enriba de calquera interese persoal”, para dar un paso ao lado. Tamén tivo palabras de agradecemento para os outros dous alcaldes socialistas da vila termal: Adolfo Abalo (“Fito”) e José María Tobío (“Yiya”), presentes no salón de Plenos: “vos empezastes a construír a Caldas que coñecemos e deixastes unha pegada imborrable”. “Por tanto, máis que un cambio, trátase dunha evolución que respecta e honra o pasado”, destacou.

Jacobo Pérez aludiu á súa traxectoria de 17 anos na vida municipal, que comezaron dende a Entidade Local Menor de Arcos da Condesa, e comprometeuse a exercer a Alcaldía “con honestidade, transparencia e dedicación, que son os valores que me gravaron os meus pais, xunto co traballo incansable, a integridade e a empatía”.

Finalmente, fixo unha apelación á unión de todo o pobo e ao propósito de “facer de Caldas un lugar próspero, sostible e cheo de oportunidades para todos e todas”. “Sempre no bo camiño!”, concluíu.