Primeira xunta de goberno de 2025

Licitado o proxecto da parcela sobre a vía do tren na rúa 12 de novembro en Pontevedra

A obra mudará de xeito potencial toda esta zona, ofrecendo un novo espazo de estancia e paso para a cidadanía, ao tempo que abre unha nova vía de comunicación co a rúa Santa Teresa de Jesús Jornet.

Susana Pedreira

Pontevedra |

O alcalde e portavoz do Goberno, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu trala celebración da primeira Xunta de Goberno Local do novo ano
Licitado o proxecto da parcela sobre a vía do tren na rúa 12 de novembro en Pontevedra | Concello de Pontevedra

O alcalde e portavoz do Goberno, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu trala celebración da primeira Xunta de Goberno Local do novo ano. Alén dos distintos asuntos recollidos na orde do día, principalmente urbanísticos, o rexedor quixo destacar a saída da licitación para o acondicionamento e reforma da parcela sobre a vía férrea da rúa 12 de novembro. Tal e como lembrou o rexedor, esta actuación permitirá actuar sobre unha superficie de máis d 4.700 metros cadrados a través dun orzamento de 710.972 euros. A reforma creará unha nova de estancia enriba da plataforma que cobre a vía do tren que contará tamén con zonas axardinadas en ambos os dous lados —preto da calzada e preto das medianeiras— e que permitirá a circulación peonil con seguridade na zona, habilitando unha praza de 2.500 metros cadrados. Tamén esta contemplada a instalación dunha fonte e de distinto mobiliario urbano. Doutra banda, un dos aspectos máis interesantes deste proxecto é a conexión, a través dunha rampla, coa rúa Santa Teresa de Jesús Jornet, favorecendo a permeabilización da zona e das conexións peonís entre estes dous espazos. O proceso de licitación permanecerá aberto durante 20 días hábiles para recibir as distintas propostas das empresas que queiran realizalo. Terá nove meses de execución e é un dos proxectos que figuran no convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación de Pontevedra, sendo executado polo primeiro e financiado polo segundo. «É unha obra que completará toda a cuberta, ofrecendo unha continuidade da pasarela actual e fomentando os tránsitos e a seguridade peonil na zona», comentou Lores.