O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta esta mañá da remisión do expediente completo para a creación da variante de Alba á actual conselleira de Infraestruturas, María Martínez Allegue. Amais da misiva enviada desde o Concello, o rexedor tamén quixo informar da recepción dunha carta asinada por até oito asociacións e colectivos veciñais de Pontevedra pertencentes a parroquias do norte do municipio. A misiva está asinada pola Asociación de veciños de Lérez, Asociación de Veciños o Chedeiro de Cerponzóns, a asociación O Carballo dos Campos, o Mirador de Monte Porreiro, o Cravadoiro de Santo André de Xeve, os Tres Pinos de Santa María de Xeve, a Capela da Devesa e Outeiro do Castro de Verducido. «Remitiron unha carta na que solicitan que durante a xuntanza que o Concello manterá coa conselleira de Infraestruturas —que pedimos con motivo desta carta— solicitemos de xeito definitivo a construción da chamada variante de Alba, un vial que permitirá conectar a estrada de Vilagarcía coa estrada de Santiago de Compostela», explicou. «Sinalan que este viario ten vital importancia para as parroquias do norte do Concello, obtendo unha mellora nas conexións significativa, a través de distintas posibilidades que se abrirían con esta nova estrada». Fernández Lores explicou que o Concello se atopa nun novo tempo, «onde deixamos atrás distintas cuestións coa Xunta de Galiza e que este sexa un punto de inflexión definitivo para que se acometa esta cuestión tan demandada entre a veciñanza destas parroquias». O rexedor lembrou que ao longo dos últimos «por activa ou por pasiva» ofreceu todas as posibilidades para que se faga ese vial.