Xunta de Goberno local en Pontevedra

Luz verde ás obras de emerxencia na senda do Lérez tralos danos polo temporal

O Concello de Pontevedra estima que os labores necesariaos para asegurar a zona e os servizos que por alí pasan terán un custe próximo ao medio millón de euros

Susana Pedreira

Pontevedra |

Luz verde ás obras de emerxencia na senda do Lérez tralos danos polo temporal
Luz verde ás obras de emerxencia na senda do Lérez tralos danos polo temporal | Concello de Pontevedra

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora. Alén dos asuntos incluídos na orde do día, o rexedor quixo poñer o foco no decreto asinado pola súa man este mércores para iniciar toda a tramitación para realizar as tarefas e actuacións necesarias por emerxencia para a reconstrución do noiro derrubado preto da estación de bombeo do Lérez e que tamén afectou á senda peonil do río. «Foi un incidente serio, grave e que mesmo ocasionou vertidos no río Lérez», explicou o alcalde. «Por sorte non afectou ao colector de abastecemento de toda a zona norte da cidade, incluído o polígono do Campiño. Segue habendo risco, por iso deben acometer estas obras de emerxencia e evitar un custe aínda maior». O Concello de Pontevedra estima que as actuacións para estabilizar o noiro definitivamente e reconstruír a zona poderían derivar nun gasto total de case medio millón de euros (465.850 euros), mais ao tratase dunha obra de emerxencia, esta cifra é só unha aproximación e até o remate dos labores non se poderá saber con exactitude o seu custe. A día de hoxe xa comezaron os estudos xeotécnicos sobre o terreo para poder elaborar o proxecto máis acaído. Enmacosa será a empresa encargada deste estudo e da dirección técnica posterior, sendo E. C. Casas a responsábel da súa execución. Fernández Lores agradeceu aos traballadores municipais a axilidade coa que foi tramitado todo o procedemento para poder iniciarse a reconstrución da zona, case «en tempo récord, e evitar males maiores».