Xunta de Goberno Provincial

Nova liña de axudas para fomentar o turismo deportivo na provincia de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres “unha medida novidosa que pon en marcha este goberno e que combina turismo e deporte”.

Susana Pedreira

Pontevedra |

Nova liña de axudas para fomentar o turismo deportivo na provincia de Pontevedra
Nova liña de axudas para fomentar o turismo deportivo na provincia de Pontevedra | Cedida pola Deputación de Ponteveda

Trátase dunha nova liña de achegas “para fomentar a actividade turística baseándonos na dinamización e a promoción de eventos relacionados co deporte, que estará dotada con 100.000 euros”. O crédito repartirase en base a criterios de concorrencia competitiva “para apoiar a celebración de eventos deportivos de interese turístico, relevantes e cunha importante proxección mediática exterior, que se celebren durante este ano”, sinalou o presidente provincial.

Neste sentido, Luis López explicou que “malia que sexan axudas para a organización das probas, o obxectivo último é o fomento do turismo deportivo”, co obxectivo de que estes eventos “contribúan a que incrementen as pernoctacións na provincia e o retorno económico que trae a chegada de visitantes para o conxunto da economía da provincia”. A este respecto, o presidente lembrou que se refire “tanto ao retorno de carácter inmediato como, tal como xa comprobamos en eventos anteriores, na conversión destes visitantes en prescritores das Rías Baixas”. Cada entidade beneficiaria poderá acadar un máximo de 9.000 euros, sempre que o importe non supere o 25% do custo total do evento. Estas axudas serán incompatibles con outras convocatorias da Deputación, e non se poderán dedicar a gastos de funcionamento da entidade solicitante, correntes nin de persoal, ou calquera outro obxecto que non sexa o financiamento do evento en cuestión.

O presidente da Deputación de Pontevedra asegurou que “este é un goberno de feitos e seguimos dando boa mostra disto, comprometéndonos a converter a provincia de Pontevedra no grande escaparate de probas deportivas a nivel mundial”.