O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, informou das últimas novidades ao redor do futuro Parque da Parda e a posta en marcha das obras que o farán realidade. Rexedor e edil mantiveron esta mañá unha reunión cos técnicos municipais e as empresas encargadas do proxecto (a UTE conformada por Covsa e Ramírez, ambas as dúas pontevedresas), para iniciar a execución das obras do novo parque. «Estou especialmente contento por poder dicir que o día 25, o martes que vén, será presentado o plan de seguridade e hixiene; e o día 27 será asinada acta de marca, polo que as obras poderán comezar».
O rexedor lembrou que este proxecto foi adxudicado por 5.317.603 euros, ao tempo que sinala que os traballos visíbeis comezarán na primeira quincena de marzo. O primeiro paso será o de realizar rozas en todo o terreo, tarefa que durará preto de dous meses. Doutra banda, tamén se levará a cabo un estudo hidrográfico para coñecer a cantidade de auga que se encontra neste espazo, «que sabemos que é grande». «Vanse localizar os olleiros para logo poder canalizalos e levalas por onde sexa preciso ao longo deses 33.000 metros cadrados que ten a parcela».
Fernández Lores explicou que coma en todo proxecto destas características é posíbel que se realice algunha modificación do proxecto inicial en base ao que se poida ir coñecendo e traballando, mais mantendo o seu deseño e eixo inicial. «Este parque terá distintos usos, sendo o principal o de crear unha nova gran zona de lecer e esparexemento; ademais de zona deportiva, aparcadoiros ou parques infantís», comentou. «Serán plantadas máis de 1.500 árbores no que será un dos grandes investimentos deste mandato. Queremos seguir mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas de Pontevedra».