A Casa Consistorial de Pontevedra recupera o seu esplendor, logo de anos sen estar aberta á cidadanía. A reforma, impulsada polo Concello co fin de recuperar e darlle unha nova vida a este espazo, trae de volta a luz ao seu interior. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, realizou unha visita á casa do pobo, acompañado polos voceiros da corporación municipal. Durante a visita, o rexedor comprobou os traballos realizados no edificio a través dun proxecto de recuperación e reforma, que lle outorga accesibilidade universal e que adapta o edificio ao século XXI. «Os plenos ordinarios e extraordinarios van ser aquí, amais de acoller usos administrativos. Por suposto, é un espazo representativo onde serán recibidas visitas e autoridades». Desde o Concello de Pontevedra estímase que o pleno de novembro será xa realizado nestas dependencias municipais, e que sexa inaugurado de xeito oficial o día 15 de novembro, ao longo da mañá.
Esta reapertura contará cun acto especial no que se convidará a todos e todas as edís que formaron parte da corporación municipal ao longo dos anos, xerando «unha representación o máis ampla posíbel dos representantes da poboación pontevedresa». Doutra banda, a partir dese día 15, tamén serán programadas unha serie de visitas guiadas para que a veciñanza poida achegarse e coñecer de primeira man a historia deste edificio, a reforma realizada e afondar no simbolismo deste espazo e a súa relación coa cidade.
No eido administrativo, ou de uso da planta baixa, esta acollerá as oficinas dos Servizos técnicos do Concello de Pontevedra e da área de Patrimonio. Agárdase que nas vindeiras semanas se formalice e complete o traslado dos funcionarios destas áreas ao lugar. O rexedor tamén quixo lembrar a aportación económica da Deputación de Pontevedra á hora de poder sacar adiante o proxecto.