Xiorto, en Poio, recupera a bandeira

Sanxenxo repite como líder en bandeiras azuis

Por provincias, Pontevedra concentra o maior número de bandeiras en Galicia, concretamente 60 en praias e 6 en instalacións portuarias

Susana Pedreira

Pontevedra |

Sanxenxo repite como líder en bandeiras azuis
Sanxenxo repite como líder en bandeiras azuis | Agencia Europa Press

Galicia contará este ano cun total de 114 praias pertencentes a 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos.

Desde xeito, Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en España (638) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 138) e Andalucía (130).

Dos 114 areais galegos galardoados nesta edición —que se estenden ao longo de 53,5 km de costa e supoñen 1 máis que en 2023—, cómpre subliñar que ningún recibe este distintivo por primeira vez pero cinco deles recuperan a bandeira que non luciron o ano pasado. Son, concretamente, Lombiña-Cabío, na Pobra do Caramiñal, Area Maior, en Malpica de Bergantiños, A Ribeira, en Miño, Ladeira, en Baiona, e Xiorto, en Poio.

Así mesmo, Adeac tamén deu a coñecer esta mañá a relación de portos deportivos nos que ondeará a bandeira azul. Das 102 instalacións recoñecidas no conxunto do país, 11 están en Galicia, unha menos que na pasada edición, xa que o Club Náutico Boiro-Marina Cabo de Cruz non presentou candidatura este ano por estar en obras.

De igual xeito e aínda que neste caso non lucirán bandeira como tal, Adeac recoñeceu un ano máis o labor dos chamados centros azuis, categoría na que se engloban aulas de natureza, centros de recepción de visitantes e instalacións similares dedicadas á educación ambiental. Dos 87 galardoados en todo o país, 15 están en Galicia, destacando en especial a incorporación do Estaleiro de Purro, en Bueu, e do Centro de interpretación ambiental Foz do Miñor, en Baiona, que se estrean este ano como centros azuis.

Valoracións nos conellos

Sanxenxo

Juan Deza, concelleiro de Turismo, celebra un ano máis, con efusividade, o resultado dun traballo realizado desde o goberno municipal para lograr obter a bandeira da excelencia. "Estamos moi satisfeitos con este recoñecemento. Xa levamos 21 anos sendo líderes en España, pero isto vénnos a dicir que en Sanxenxo están a facerse as cousas ben e que se aposta pola calidade".

As dezasete bandeiras concedidas a Sanxenxo é froito "do coidado e a limpeza" das praias. Segundo Deza, estes criterios son prioritarios, "pero non só no verán tamén no inverno". E asegura que se fan os debidos investimentos para cumprir cos duros requisitos da ADEAC.

Lembra que, aínda que hai un gran problema para atopar socorristas todos anos, o concello de Sanxenxo logrou contratar a 80 profesionais do salvamento e socorrismo nas praias. A xuízo do concelleiro de Turismo este labor "é moi difícil", tempada tras tempada.

Por último, incide no carácter sostible da xestión dos areais do municipio nos que se retiraron as papeleiras, aumentou a limpeza e cambio o sistema de duchas. Con esta última medida logrouse reducir un consumo de 3 millóns de litros de auga. Na actualidade, "estamos nunha media de menos de 500 mil litros". #Ante isto, o concelleiro afirma que "iso tamén é unha aposta de Sanxenxo pola sustentabilidade".

Marin

Para María Ramallo, alcaldesa do municipio, esta revalida pon a contraluz o esforzo por buscar os mellores servizos e atencións dos principais areais do concello. "A verdade é que as nosas praias seguen tendo ese galardón que outorga ADEAC a través da bandeira azul e por tanto temos que estar orgullosos de que seguimos mantendo uns areais en perfecto estado de revista".

Recoñece que este ano non se conseguiu o cento por cento dos obxectivos: "é verdade que nos deixa ese sabor agridoce da praia de Loira de non conseguilo, pero bo, a calidade da auga é boa, non excelente como esixen as bandeiras azuis tal e como ocorre en Portocelo, en Mogor, en Aguete e na praia Dos Santos e Acoviña".

Con todo, Ramallo móstrase contenta porque "ano a ano manter estes galardóns significa un esforzo económico tamén para o Concello", conclúe.