A delegación da provincia de Pontevedra que vai participar no 41º Congreso Federal do PSOE, encabezada polo secretario xeral provincial, David Regades, acudirá coa defensa dos intereses da xente no centro da súa axenda.
David Regades defenderá a continuidade da folla de ruta do Goberno de España e que se incremente, aínda máis, a aposta polo municipalismo, polas políticas sociais e polo reforzo continuo dos servizos públicos. “España está a crecer como ningún outro país en Europa e faino dende unha concepción progresista da sociedade para que ninguén quede atrás, así que necesitamos seguir camiñando por esta senda e, se cabe, con máis determinación aínda por moito ruído que faga a dereita”.
A unidade do socialismo na provincia de Pontevedra quedou referendada polo feito de que a candidatura de Regades á presidencia da delegación foi avalada por preto de 800 avais, moi por enriba do listón do 12% da militancia esixido polos estatutos do partido. Regades afirma que recibiu este apoio como “un aval colectivo a un proxecto netamente progresista que defendemos nesta provincia nas institucións nas que gobernamos e tamén onde estamos na oposición”.
Unha vez conseguidos os avais a Executiva provincial conformou unha lista paritaria na que Regades está acompañado pola senadora Carmela Silva; o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; a secretaria xeral pontevedresa, Maica Larriba; o voceiro de Pontevedra, Iván Puentes; a alcaldesa de Silleda e congresista Paula Fernández; o alcalde da Cañiza, Luís Piña; a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; o alcalde do Grove, José Cacabelos; a voceira de Lalín, Alba Forno; o concelleiro e secretario xeral vigués, Ángel Rivas; a deputada galega Paloma Castro; o voceiro en Poio e deputado provincial Gregorio Agís; a voceira en Mondariz, Violeta Lois; o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a secretaria xeral das Xuventudes de Moaña, Rihanna Currás; o alcalde de Gondomar e deputado provincial Paco Ferreira e a tenente de alcalde de Bueu, Isabel Quintás.
Ademais, a delegación pontevedresa inclúe a outras/os militantes en calidade de observadoras/es que, se ben poden participar nas comisións de cara a elaboración da ponencia do Congreso, non teñen voto, como si sucede cos delegados e delegadas.
Regades conclúe que as 36 mulleres e homes do PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra, a provincia con maior peso institucional socialista de toda Galicia, van desprazarse a Sevilla durante as xornadas do 30 de novembro e 1 de decembro para tomar parte do debate interno. “O PSOE pode estar moi orgulloso dos pasos dados nestes últimos 6 anos, pero este partido leva no seu ADN o inconformismo e a vocación de adaptarse ás demandas dunha sociedade cambiante, na que afloran retos que é necesario atender”.